O artigo 8 do Real Decreto 1046/2003, do 1 de agosto, (BOE do 12 de setembro de 2003) polo que se regula o subsistema de Formación Profesional Continua, establece que as empresas disporán dun crédito para formación continua, que resultará de aplicar á contía ingresada pola empresa en concepto de formación profesional durante o ano anterior a porcentaxe de bonificación que anualmente se estableza na Lei de Orzamentos Xerais do Estado. Este crédito actuará como límite das bonificacións que as empresas poderán efectuar nos seus boletíns de cotización á Seguridade Social.
A disposición adicional vixésimo quinta da Lei 61/2003, do 30 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2004, apartado DOS, establece as porcentaxes de bonificación aplicables para o ano 2004:
"As empresas que cotizan pola continxencia de formación profesional disporán dun crédito para o desenvolvemento das accións de formación continua reguladas no capítulo II do Real decreto 1046/2003, do 1 de agosto, que resultará de aplicar á contía ingresada pola empresa en concepto de formación profesional durante o ano 2003 a porcentaxe de bonificación que se establece a continuación, en función do tamaño das empresas:
- Empresas de 6 a 9 traballadores: 90 por cento
- De 10 a 49 traballadores: 65 por cento
- De 50 a 249 traballadores: 52,5 por cento
- De 250 ou máis traballadores: 42,5 por cento
As empresas dun a cinco traballadores disporán dun crédito de bonificación por empresa, en lugar dunha porcentaxe, nos termos que estableza a orde do Ministerio de Traballo e Inmigración á que se refire o artigo 8 do devandito Real Decreto.
Así mesmo, poderán beneficiarse dun crédito de formación, nos termos establecidos nesa normativa, as empresas que durante o ano 2004 abran novos centros de traballo e as empresas de nova creación. Nestes supostos, cando a determinación do crédito deba realizarse aplicando a bonificación media por traballador, tomarase como referencia para o ano 2004 unha bonificación media de 62 euros."
-
Aplicación das bonificacións
As empresas poderán aplicar as bonificacións por formación continua a partir do boletín de cotización correspondente ao mes no que finalizase o grupo ou grupos de formación e, en todo caso, con anterioridade á data na que finaliza o prazo de presentación do boletín de cotización correspondente ao mes de decembro do mesmo exercicio económico.
Polo tanto, estas bonificacións poderán aplicarse nos boletíns de cotización que se presenten a partir da data de entrada en vigor da orde ministerial, con independencia do mes no que finalizase o grupo ou grupos de formación, e sen que sexa preciso detallar nos documentos de cotización o mes de finalización nin as datas nas que se impartiu a formación. En todo caso, deberán aplicarse antes da finalización do prazo de presentación das liquidacións correspondentes ao mes de decembro.
Cando os grupos de formación comprendan traballadores incluídos en diferentes códigos de conta de cotización da mesma empresa, as bonificacións pola totalidade do grupo ou grupos de formación poderán aplicarse nos boletíns de cotización de calquera código de conta de cotización.
A continuación detállase a forma de aplicar estas bonificacións, segundo o medio de presentación (Sistema
RED ou papel -TC2 normalizado-).
-
Sistema RED
Os usuarios do sistema RED comunicarán as bonificacións por formación profesional continua no ficheiro FAN, nun segmento totalizador (EDTCA80). Este segmento totalizador non estará asociado a datos do traballador. O importe desta bonificación acumularase no segmento EDTCA60, "Suma de bonificacións, subvencións e compensacións".
As empresas que transmitan a través do Sistema RED a relación nominal de traballadores e efectúen o ingreso de cotas mediante documento da serie TC1 (é dicir, aquelas que non utilizan os sistemas de pagamento de cargo en conta ou pagamento electrónico, ou cuxa liquidación non resulte acredora) deberán aplicar o importe da bonificación no recadro 601 do TC1 da liquidación normal do mes que se trate.
-
TC2 NORMALIZADO
As empresas que non presenten a relación nominal de traballadores (TC2) a través do Sistema RED deberán aplicarse o importe das bonificacións por formación continua nun documento TC1 complementario que non levará asociado ningún documento TC2, codificado con clase de liquidación (CL) "4: COMPLEMENTARIA" e con clave de control (CC) "95: bonificacións por formación continua".
Este documento TC1 complementario (4-95) só deberá conter o importe das bonificacións por formación continua, que se consignarán na cela 601 do TC1 (Bonifi/Subvencións).
O importe desta liquidación resultará sempre a percibir debéndose presentar na Dirección Provincial da Tesourería Xeral da Seguridade Social ou Administración correspondente, dentro do prazo regulamentario de presentación.
NOTA: O documento TC1 complementario con clase de liquidación e clave de control 4-95 só deberán cubrilo as empresas que non transmitan o TC2 a través do Sistema RED