En materia de cotización e recadación, a Lei 52/2003 introduce numerosas e profundas modificacións, entre outras, as seguintes: eliminación da obriga de presentación dos documentos de cotización con respecto a determinados réximes especiais, establecemento dunha recarga única (en lugar dos precedentes de mora e de constrinximento) e incorporación do xuro de demora.
A Lei 52/2003 entrou en vigor o 1 de xaneiro de 2004, agás o establecido nos seus artigos 3, 4 e 5, que entrarán en vigor o 1 de xuño de 2004.
O artigo 5, punto 2, da Lei 52/2003 dá unha nova redacción ao punto 1 do artigo 26 da Lei Xeral de Seguridade Social, no que se dispón que:
"Presentación dos documentos de cotización e compensación:
Os suxeitos responsables do cumprimento da obriga de cotizar deberán efectuar a súa liquidación e pagamento aténdose ás formalidades ou polos medios electrónicos, informáticos e telemáticos que regulamentariamente se establezan. A transmisión das respectivas liquidacións ou a presentación dos documentos de cotización deberá realizarse dentro dos prazos regulamentariamente establecidos, aínda cando non se ingresen as cotas correspondentes ou se ingrese exclusivamente a achega do traballador. Esta presentación ou transmisión, ou a súa falta, producirán os efectos sinalados nesta lei, nas súas disposicións de aplicación e desenvolvemento.
Non será esixible, porén, a presentación de documentos de cotización en prazo regulamentario respecto das cotas dos Réximes Especiais dos Traballadores por Conta Propia ou Autónomos, Empregados de Fogar, cotas fixas do Réxime Especial Agrario e do Réxime Especial do Mar, cotas do Seguro Escolar e calquera outra cota fixa que se puidese establecer, sempre que os suxeitos obrigados aos que se refiran esas cotas fosen dados de alta no prazo regulamentario establecido. En tales casos, será aplicable o previsto nesta lei para os supostos nos que, existindo esa obriga, se presenten os documentos de cotización en prazo regulamentario."
O artigo 5, punto 3, da Lei 52/2003 dá unha nova redacción ao artigo 27 da Lei xeral da Seguridade Social:
"Artigo 27. Recargas por ingreso fóra de prazo.
1. Transcorrido o prazo regulamentario establecido para o pagamento das cotas á Seguridade Social, sen que estas se ingresasen e sen prexuízo das especialidades previstas para os aprazamentos, acumularanse as seguintes recargas:
1.1. Cando os suxeitos responsables do pago presentasen os documentos de cotización dentro do prazo regulamentario:
A) Recarga do tres por cento da débeda, de aboar as cotas debidas dentro do primeiro mes seguinte ao vencemento do prazo regulamentario.
B) Recarga do 3% da débeda, de aboar as cotas debidas dentro do segundo mes seguinte ao vencemento do prazo regulamentario.
C) Recarga do 10% da débeda, de aboar as cotas debidas dentro do terceiro mes seguinte ao vencemento do prazo regulamentario.
D) Recarga do 20% da débeda, de aboar as cotas debidas a partir do terceiro mes seguinte ao vencemento do prazo regulamentario.
1.2. Cando os suxeitos responsables do pago non presentasen os documentos de cotización dentro do prazo regulamentario:
A) Recarga do 20% da débeda, de aboar as cotas debidas antes da terminación do prazo regulamentario de ingreso establecido na reclamación de débeda ou acta de liquidación.
B) Recarga do 35% da débeda, de aboarse as cotas debidas a partir da terminación dese prazo de ingreso.
2. As débedas coa Seguridade Social que teñan carácter de ingresos de dereito público e cuxo obxecto estea constituído por recursos distintos a cotas, cando non se aboen dentro do prazo regulamentario que teñan establecido incrementaranse coa correspondente recarga prevista no apartado 1.1 anterior, segundo a data de pagamento da débeda. "
O artigo 5, punto 4, da Lei 52/2003 dá unha nova redacción ao artigo 28 da Lei xeral da Seguridade Social:
"Artigo 28. Xuro de demora
1.- Os xuros de demora polas débedas coa Seguridade Social serán esixibles, en todo caso, de non aboar a débeda unha vez transcorridos quince días desde a notificación da providencia de constrinximento ou desde a comunicación do inicio do procedemento de dedución.
Así mesmo, serán esixibles estes intereses cando non se aboase o importe da débeda no prazo fixado nas resolucións desestimatorias dos recursos presentados contra as reclamacións de débeda ou actas de liquidación, se a execución destas resolucións fose suspendida nos trámites do recurso contencioso-administrativo que contra elas se interpuxese.
2.- Os xuros de demora esixibles serán os que acumulase o principal da débeda, desde o vencemento do prazo regulamentario de ingreso e os que acumulase, ademais, a recarga aplicable no momento do pagamento desde a data na que, segundo o apartado anterior, sexan esixibles.
3.- O tipo de xuro de demora será o xuro legal do diñeiro vixente en cada momento do período de esixibilidade, incrementado nun 25%, a non ser que a Lei de orzamentos xerais do Estado estableza un diferente."