Paternidade

Resultados de la búsqueda

A páxina á que intenta acceder non está dispoñible no idioma seleccionado. Desculpe as molestias.
Idiomas dispoñibles: Castellano

A páxina á que intenta acceder non está dispoñible no idioma seleccionado. Desculpe as molestias.
Idiomas dispoñibles: Castellano

Quen poden ser beneficiarios?

Os traballadores incluídos no réxime xeral e nos réximes especiais da Seguridade Social, calquera que sexa o seu sexo, que gocen dos períodos de descanso legalmente establecidos por nacemento de fillo, adopción e acollemento familiar, tanto preadoptivo como permanente ou simple, sempre que reúnan os requisitos esixidos.

No suposto de parto, a suspensión corresponde exclusivamente ao outro proxenitor. Nos casos de adopción ou acollemento, a suspensión corresponderá a un só dos proxenitores, a elección dos interesados; non obstante, cando o descanso maternal fose gozado na súa totalidade por un dos proxenitores, o dereito á suspensión por paternidade unicamente poderá ser exercido polo outro.

Que condicións ten que reunir o menor adoptado ou acollido para xerar o dereito á prestación?

Aos traballadores por conta allea aos que lles sexa de aplicación o Estatuto dos Traballadores, e aos traballadores por conta propia, incluídos nos réximes especiais da Seguridade Social, para xerar dereito a prestación esíxese que o adoptado ou acollido sexa menor de 6 anos. Non obstante, tamén xeran dereito os maiores de 6 anos pero menores de 18 con discapacidade ou que, polas súas circunstancias e experiencias persoais ou por provir do estranxeiro, teñan especiais dificultades de inserción social e familiar, debidamente acreditadas polos servizos sociais competentes. Enténdese que o adoptado ou acollido está afectado por unha discapacidade, cando se acredite nun grao igual ou superior ao 33%.

Que período mímino de cotización se esixe para ter dereito á prestación?

O período mínimo de cotización esixido é de 180 días dentro dos 7 anos inmediatamente anteriores á data de inicio da suspensión ou, alternativamente, 360 días ao longo da vida laboral con anterioridade á devandita data.

Como se calcula o período mínimo de cotización nos supostos de traballadores a tempo parcial?

O período de 7 anos, nos que deben estar comprendidos os 180 días de cotización esixidos con carácter xeral, ampliaranse na mesma proporción en que se reduza a xornada efectivamente traballada respecto da xornada habitual na actividade correspondente.

Cal é a súa duración?

Os traballadores por conta allea aos que lles sexa de aplicación o |ET terán dereito á suspensión do contrato durante 4 semanas ininterrompidas, ampliables en 2 días máis por cada fillo a partir do segundo no suposto de parto, adopción ou acollemento múltiples, podendo gozar da devandita suspensión en réxime de xornada completa ou en réxime de xornada parcial dun mínimo do 50 %, previo acordo entre o empresario e o traballador.

4 semanas ininterrompidas, polo nacemento, acollemento ou adopción de un ou máis fillos, para as persoas integradas no réxime xeral da Seguridade Social aos que sexa de aplicación o Estatuto Básico do Empregado Público.

En canto aos traballadores por conta propia incluídos nos distintos réximes especiais do sistema da Seguridade Social, considéranse situacións protexidas os períodos de cesamento na actividade que sexan coincidentes, no relativo tanto á súa duración coma á súa distribución, cos períodos de descanso laboral establecidos para os traballadores por conta allea. Así mesmo, poderán gozar dos descansos a tempo parcial, para cuxos efectos a percepción dos subsidios e a redución da actividade só poderá efectuarse na porcentaxe do 50 por cento.

Se existe un só proxenitor pódese acumular o período de descanso por paternidade ao descanso por maternidade?

Cando existe un só proxenitor, adoptante ou acolledor, non pode acumularse o período de paternidade ao de maternidade.

Cando se inicia o descanso por paternidade?

Como regra xeral, os traballadores por conta allea incluídos no ET poderán exercitar este dereito ou ben dende a finalización do permiso retribuído previsto legal ou convencionalmente (mínimo 2 días), polo nacemento, adopción ou acollemento, e ata que finalice a suspensión do contrato por maternidade; ou ben, inmediatamente despois da finalización da devandita suspensión por maternidade.

Para os traballadores por conta propia dos réximes especiais, o período de descanso poderá iniciarse a partir da data do nacemento, da decisión administrativa ou xudicial de acollemento ou da resolución xudicial pola que se constitúe a adopción, e ata que finalice a suspensión do contrato por maternidade; ou ben, inmediatamente despois da finalización da devandita suspensión por maternidade.

Polo que respecta aos traballadores incluídos no Estatuto Básico do Empregado Público, o período de descanso exercitarase a partir da data do nacemento, da decisión administrativa ou xudicial de acollemento ou da resolución xudicial pola que se constitúe a adopción, agás que a lexislación aplicable prevexa o momento do gozo do permiso noutros termos.

Se a nai non traballa, cando se inicia o descanso por paternidade?

Nos casos de parto, se a nai non traballa, presúmese que os períodos de descanso por maternidade  existiron, para os efectos do tempo de que dispón o outro proxenitor para o gozo do permiso de paternidade, actuándose igual que o suposto xeral.

Se a nai realiza unha actividade profesional que non dá lugar á súa inclusión no sistema da Seguridade Social, nin nunha mutualidade de previsión social alternativa, cando pode iniciarse o descanso por paternidade?

Nestes casos, o outro proxenitor,  se reúne os requisitos e goza dos correspondentes períodos de descanso, terá dereito:

  • Primeiro á paternidade.
  • A continuación a maternidade.

Cal é o seu importe?

A prestación económica por paternidade consistirá nun subsidio equivalente ao 100 por 100 da  base reguladora que estea establecida para a prestación por incapacidade temporal derivada de continxencias comúns, tomando como referencia a data de inicio do período de descanso.

Do seu importe deduciranse, se procede,  as correspondentes cotizacións sociais e as retencións por IRPF.

Pódese seguir percibindo a prestación por paternidade no caso de extinguirse o contrato de traballo?

Se o traballador está a gozar o permiso de paternidade e durante a devandita situación se extingue o seu contrato de traballo, de acordo co establecido no artigo 222.2 da LXSS:

  • Continuará percibindo a prestación por paternidade ata que se extinga a devandita situación, pasando entón á situación legal de desemprego e a percibir, se reúne os requisitos necesarios, a correspondente prestación.
  • Neste caso non se descontará do período de percepción da prestación por desemprego de nivel contributivo o tempo que tivese permanecido en situación de paternidade.

Se a paternidade se inicia estando en desemprego e percibindo esta prestación, pódese percibir prestación por paternidade?

Cando o traballador estea a percibir a prestación por desemprego contributivo e pase á situación de paternidade:

  • Suspenderáselle a prestación por desemprego e a cotización á Seguridade Social e pasará a percibir a prestación por paternidade na contía que corresponda (100% da base reguladora), que será xestionada directamente pola súa Entidade xestora (INSS  ou ISM).
  • Extinguida a prestación de paternidade, continuarase a prestación por desemprego polo período que restaba por percibir e a contía que correspondía no momento da suspensión.

Pode o traballador reincorporarse ao traballo antes de que finalice a prestación?

Se o traballador beneficiario da prestación se reincorpora voluntariamente ao traballo con anterioridade ao cumprimento do prazo máximo de duración do período de descanso por paternidade, prodúcese a extinción da prestación.

É compatible o subsidio de paternidade co de maternidade?

A paternidade é incompatible coa maternidade, por nacemento, adopción ou acollemento, cuando haxa un só proxenitor, ou cando, habendo dous proxenitores, o solicitante goce na súa totalidade do descanso maternal nos casos de adopción ou acollemento.

Será compatible nos seguintes supostos:

  • Co período ao que tivese tido dereito o outro proxenitor por terse recoñecido á nai biolóxica o subsidio non contributivo por maternidade. 
  • Cando haxa gozo compartido da maternidade. 
  • Co subsidio por maternidade íntegro do outro proxenitor, no suposto no que a nai realice unha actividade profesional que non dea lugar á súa inclusión no sistema da Seguridade Social nin nunha mutualidade de previsión social alternativa.
  • Co subsidio por maternidade íntegro do outro proxenitor no suposto de falecemento da nai.
Complementary Content
${loading}