Risco de embarazo

Pode acceder á prestación unha traballadora que está en situación de desemprego?

Para ser beneficiaria desta prestación, a traballadora deberá estar afiliada e en alta nun réxime da Seguridade Social. 

Consecuentemente, a traballadora que se encontra en desemprego, que é unha situación asimilada á alta, non poderá acceder á prestación.

É incompatible co traballo a prestación de risco durante o embarazo?

Non. Nos casos de pluriactividade ou pluriemprego, a percepción do subsidio é compatible co mantemento daquelas actividades que viñera desempeñando ou mesmo que puidese comezar a desempeñar despois da suspensión do contrato e que non impliquen risco durante o embarazo.

É dicir, pode seguir realizando  outros traballos, por conta propia ou por conta allea, se son compatibles co seu estado. Non obstante, a reincorporación á mesma empresa ou actividade, para desenvolver un traballo compatible co seu estado, extinguiría a prestación.

Cal é o período máximo de duración da prestación por risco de embarazo?

Non hai un período máximo de duración establecido. Aboarase durante o período necesario para a protección da seguridade ou da saúde da traballadora e/ou do feto, e finalizará o día anterior a aquel en que se inicie a suspensión do contrato de traballo por maternidade ou o de reincorporación da muller traballadora ao seu posto de traballo anterior ou a outro compatible co seu estado.

Polo tanto, a duración da prestación estará unicamente limitada pola propia existencia do risco.

Quen emite o certificado que acredita a existencia do risco?

A certificación médica de que as condicións do posto de traballo poden influír negativamente na saúde da traballadora e/ou do feto será expedida, con carácter xeral, polos servizos médicos do INSS, do ISM ou da Mutua Colaboradora coa Seguridade Social, en función da Entidade coa que se teña concertada a cobertura dos riscos profesionais.

O procedemento iníciase a instancia da interesada, mediante un informe que deberá solicitarse ao facultativo do Servizo Público de Saúde. O devandito informe deberá acreditar a situación de embarazo e a data probable do parto.

Ademais, as traballadoras  por conta allea, achegarán un certificado da empresa sobre a actividade desenvolvida e as condicións do posto de traballo e, as traballadoras por conta propia, unha declaración sobre a actividade desenvolvida, así como sobre a inexistencia dun traballo ou función en tal actividade, compatible co seu estado, que esta pode levar a cabo.

No caso de traballadoras por conta propia, cando nace o dereito á prestación?

O dereito ao subsidio nace o día seguinte a aquel en que se emite a certificación médica de risco, polos servizos médicos da entidade xestora ou colaboradora competente, aínda que os efectos económicos se producirán, en calquera caso, dende a data do cesamento efectivo na actividade profesional correspondente.

As traballadoras incluídas no RETA, que estean obrigadas a iso, presentarán a declaración de situación da actividade.

Que acontece se a empresa suspende o contrato antes de que os servizos médicos emitan a certificación médica de risco?

No caso de traballadoras por conta allea, o dereito nace o mesmo día en que se inicia a suspensión do contrato de traballo pero  a empresa só poderá declarar o paso da traballadora afectada á situación de suspensión do contrato, por risco durante o embarazo, en data posterior á emisión da certificación médica de risco polos servizos médicos do INSS ou da Mutua.

Pódese acceder ao subsidio de incapacidade temporal durante a situación de risco durante o embarazo?

Soamente, nos casos de pluriemprego ou pluriactividade, cando a situación de risco durante o embarazo afecte unha ou a algunha das actividades realizadas pola traballadora, pero non todas, podería acceder ao subsidio de incapacidade temporal naquelas actividades que siga desenvolvendo e  nas que non se declarase o risco.

Desde unha situación de pluriactividade, na que a traballadora está incluída en varios réximes, podería ter dereito ao subsidio en cada un deles?

Se a situación de risco afecta todas as actividades desempeñadas, a traballadora terá dereito ao subsidio en cada un dos réximes, sempre que reúna os requisitos esixidos de forma independente en cada un deles.

Se a situación de risco afecta unha ou algunha das actividades realizadas pola traballadora, pero non todas, unicamente terá dereito ao subsidio no réxime no que estean incluídas as actividades en que exista o devandito risco. Neste caso, o subsidio será compatible co mantemento das actividades que a traballadora viñera desempeñando con anterioridade ou puidese comezar a desempeñar e que non impliquen risco durante o embarazo.

Complementary Content
${loading}