Moratoria e Aprazamento no pagamento das cotizacións á Seguridade Social.

Moratorias e aprazamentos: medidas recollidas no Real Decreto-Lei 11/2020 en relación co pagamento das cotas á Seguridade Social.

O Real Decreto-Lei 11/2020 do 31 de marzo prevé dúas fórmulas que pretenden facilitar o pagamento das cotas á Seguridade Social, nun momento tan excepcional como o que vivimos. Trátase da moratoria e do aprazamento no pagamento das cotizacións sociais e conceptos de recadación conxunta.

1. Que medidas concretas se recollen no Real Decreto-Lei 11/2020 a favor das empresas?

O Real Decreto-Lei 11/2020, do 31 de marzo, polo que se adoptan medidas urxentes complementarias no ámbito social e económico para facer fronte á COVID-19, establece para as empresas:

  • No seu artigo 34, moratorias do pagamento das achegas empresariais á cotización á Seguridade Social e por conceptos de recadación conxunta, de seis meses, sen xuros, cuxo período de devindicación estea comprendido entre os meses de abril e xuño de 2020, e
  • No seu artigo 35, aprazamento no pagamento das súas débedas coa Seguridade Social cuxo prazo regulamentario de ingreso teña lugar entre os meses de abril e xuño de 2020, sendo de aplicación un xuro do 0.5%.

A Orde ISM/371/2020, do 24 de abril vén a desenvolver o artigo 34 do Real Decreto-Lei 11/2020, do 31 de marzo, polo que se adoptan medidas urxentes complementarias no ámbito social e económico para facer fronte á COVID-19.

Na devandita Orde determínanse as actividades económicas que poderán acollerse a ela, de acordo coa vixente Clasificación Nacional de Actividades Económicas (CNAE-2009).

As devanditas actividades son as seguintes:

119 (Outros cultivos non perennes).
129 (Outros cultivos perennes).
1812 (Outras actividades de impresión e artes gráficas).
2512 (Fabricación de carpintaría metálica).
4322 (Fontanaría, instalacións de sistemas de calefacción e aire acondicionado).
4332 (Instalación de carpintaría).
4711 (Comercio polo miúdo en establecementos non especializados, con predominio en produtos alimenticios, bebidas e tabaco).
4719 (Outro comercio polo miúdo en establecementos non especializados).
4724 (Comercio polo miúdo de pan e produtos de panadaría, confeitaría e pastelaría en establecementos especializados).
7311 (Axencias de publicidade).
8623 (Actividades odontolóxicas).
9602 (Salón de peiteado e outros tratamentos de beleza).

2. Aprazamento ou moratoria?

Respecto das cotizacións correspondentes ao mes de marzo, só é posible solicitar aprazamento de pagamento, durante os dez primeiros días do mes de abril. Respecto ás cotizacións correspondentes aos meses de abril e maio, as empresas cuxa actividade non se encontre suspendida con ocasión do estado de alarma e estea incluída entre as relacionadas na Orde ISM/371/2020, do 24 de abril poderán optar entre solicitar unha moratoria ou un aprazamento do pagamento, segundo conveña. De non se encontrar a súa actividade incluída entre as recollidas na citada Orde Ministerial, non poderán solicitar unha moratoria, pero si un aprazamento no pagamento.
As cotas correspondentes ao mes de xuño só poderán ser obxecto, se é o caso, de moratoria, e só para aquelas empresas que cumpran os requisitos de actividade.

3. En que prazos debo presentar as solicitudes?

Tanto as moratorias coma os aprazamentos deben solicitarse antes do transcurso dos dez primeiros días naturais do prazo regulamentario de ingreso. 
Polo tanto, aquelas empresas que así o desexen, e sempre e cando concorran as condicións establecidas para o acceso tanto ás moratorias coma aos aprazamentos indicados, poderán, en termos xerais*:

  1. Solicitar ata o próximo día 10 de abril, o aprazamento no pagamento das cotas correspondentes ao mes de marzo de 2020,  
  2. Solicitar dende o día 1 ao día 10 de maio, a moratoria de 6 meses, sen xuros, no pagamento das súas cotizacións sociais, e por conceptos de recadación conxunta, correspondentes ao mes de abril, ou, no seu defecto, o aprazamento das cotas do devandito mes de abril, o que implicaría o ingreso en prazo regulamentario da achega dos traballadores, así como das cotas por accidente de traballo e enfermidade profesional, 
  3. Solicitar dende o día 1 ao día 10 de xuño, a moratoria de 6 meses, sen xuros, no pagamento das súas cotizacións sociais, e por conceptos de recadación conxunta, correspondentes ao mes de maio, ou, no seu defecto, o aprazamento das cotas do devandito mes de maio, o que implicaría o ingreso en prazo regulamentario da achega dos traballadores, así como das cotas por accidente de traballo e enfermidade profesional, e 
  4. Solicitar dende o día 1 ao día 10 de xullo, a moratoria de 6 meses, sen xuros, no pagamento das súas cotizacións sociais, e por conceptos de recadación conxunta, correspondentes ao mes de xuño.

4. Que cotas poden ser obxecto de moratoria no pagamento?

As achegas empresariais á cotización á Seguridade Social e por conceptos de recadación conxunta cuxo período de devindicación estea comprendido entre os meses de abril e xuño de 2020.

5. Canto tempo pode demorarse o pagamento das cotas?

O artigo 34 do Real Decreto-Lei 11/2020, do 31 de marzo habilita á Tesourería Xeral da Seguridade Social a outorgar moratorias de seis meses, sen xuros, ás empresas e aos traballadores por conta propia incluídos en calquera réxime da Seguridade Social, sempre que as actividades que realicen non se suspendesen coa declaración do estado de alarma e se cumpran os requisitos da Orde ISM/371/2020, do 24 de abril, pola que se desenvolve el citado artigo 34.

6. Como e onde podo solicitar a moratoria?

As solicitudes de moratoria deberán presentarse, no caso de empresas, a través do Sistema de remisión electrónica de datos no ámbito da Seguridade Social (Sistema RED) regulamentado na Orde ESS/484/2013. Para a identificación dos CCC e períodos de liquidación respecto dos que se solicite a moratoria procedeuse á modificación da funcionalidade Anotación de Convenios colectivos en CCC que pasa a denominarse Anotación Causa Peculiaridades de Cotización en CCC. Dentro desta deberase seleccionar a opción Anotación Moratoria Covid 19.

As solicitudes non poderán presentarse a través de medios distintos do Sistema RED, non producindo efectos aquelas que non se axusten ao procedemento indicado.

A Tesourería Xeral da Seguridade Social poderá habilitar calquera outro medio electrónico distinto ao Sistema RED ou SEDESS para que se efectúe a solicitude.  Nese caso, informarase ao respecto.

As empresas deberán presentar solicitudes individualizadas por cada código de conta de cotización onde figuren de alta os traballadores respecto dos que se solicita a moratoria no pagamento das súas cotizacións á Seguridade Social e por conceptos de recadación conxunta.  Non obstante, co fin de simplificar a presentación das solicitudes poderase presentar unha solicitude que abranga varios períodos de liquidación consecutivos, sempre dentro deses primeiros dez días.

A comunicación, a través dos medios indicados, da identificación do código de conta de cotización e do período de devindicación obxecto da moratoria, terá a consideración de solicitude desta.

7. Que requisitos se deben cumprir para a súa concesión?

Para que a Tesourería Xeral da Seguridade Social outorgue as moratorias no pagamento das cotizacións á Seguridade Social, débense cumprir os requisitos de actividade establecidos no Real Decreto-Lei 11/2020 e na Orde ISM/371/2020, do 24 de abril, pola que se desenvolve o artigo 34 do Real Decreto-Lei 11/2020, do 31 de marzo, polo que se adoptan medidas urxentes complementarias no ámbito social e económico para facer fronte á COVID-19.

Ademais estas moratorias, non se aplicarán aos códigos de conta de cotización polos que as empresas obtivesen exencións no pagamento da achega empresarial así como nas cotas de recadación conxunta, como consecuencia dos procedementos de suspensión de contratos e redución de xornada por forza maior regulamentados no artigo 24 do Real Decreto-Lei 8/2020, do 17 de marzo.

8. Cando se deben ingresar polas empresas as cotas afectadas polas moratorias?

No caso das empresas que non teñan autorizado un prazo de ingreso distinto aos establecidos regulamentariamente, as cotas correspondentes aos períodos de liquidación de abril, maio e xuño de 2020, deberanse ingresar nos meses de novembro de 2020, decembro de 2020 e xaneiro de 2021, respectivamente, e de forma simultánea coas cotas de outubro, novembro e decembro de 2020.

9. Se se conceden as moratorias, a empresa debe presentar a liquidación de cotas correspondente a eses períodos?

O outorgamento da moratoria non exime ás empresas de presentar as liquidacións de cotas a través dos procedementos e prazos xa establecidos, así como a efectuar o ingreso das achegas dos traballadores por conta allea ou asimilados a estes.

10. Como se comunicará o outorgamento da moratoria no pagamento de cotas?

Considerarase realizada a devandita comunicación coa efectiva aplicación da moratoria nas liquidacións que se practiquen a partir do momento en que se presente a solicitude. Non se remitirán, polo tanto, resolucións nin comunicacións específicas sobre o outorgamento da moratoria.

11. Que débeda se pode aprazar?

Pódese solicitar o aprazamento das cotas cuxo prazo regulamentario de ingresos corresponda aos meses de abril, maio e xuño.

12. En que prazo debo presentar a solicitude de aprazamento COVID?

  • Entre o 1 e o 10 de abril: Poderase solicitar o aprazamento das cotas correspondentes ao período de liquidación de marzo.
  • Entre o 1 e o 10 de maio: Poderase solicitar o aprazamento das cotas correspondentes ao período de liquidación de abril.
  • Entre o 1 e o 10 de xuño: Poderase solicitar o aprazamento das cotas correspondentes ao período de liquidación de maio.

As solicitudes de aprazamento que se presenten con posterioridade aos prazos indicados respecto do mes corrente serán consideradas extemporáneas para os efectos de obter un aprazamento COVID con xuro reducido, polo que resultará de aplicación o xuro de mora.

13. Quen debe presentar as solicitudes de aprazamento COVID e onde?

As empresas deberán presentar as solicitudes de Aprazamento, en nome propio ou mediante representante da persoa xurídica ou física, aínda que este non sexa autorizado RED, a través do trámite Aprazamento no pagamento de débedas á Seguridade Social polo Rexistro Electrónico da Sede Electrónica da Seguridade Social.

O autorizado RED debe presentar as solicitudes de aprazamento das súas empresas a través do citado trámite do Rexistro Electrónico da Sede Electrónica da Seguridade Social como representante habilitado de persoa xurídica ou de persoa física, se é o caso.

Incorporarase ao citado trámite do Rexistro Electrónico da Sede Electrónica da Seguridade Social, o campo correspondente (COVID)  para especificar que a solicitude de aprazamento corresponde ou non co suposto do tipo de xuro reducido do artigo 35 do Real Decreto-Lei 11/2020, así como a posibilidade de identificar a condición de autorizado RED do solicitante que actúe como representante de persoa xurídica ou persoa física.

14. Que requisitos hai que cumprir para solicitar o aprazamento por causa do COVID-19?

En primeiro lugar, é necesario que a empresa se encontre ao corrente de pagamento das súas obrigas coa Seguridade Social, pero ademais será necesario:

  1. non ter un aprazamento en vigor por débedas correspondentes a períodos anteriores ao mes de marzo.
  2. a solicitude deberá cursarse nos prazos sinalados no Real Decreto-Lei 11/2020, e
  3. a través das vías que se indicaron no apartado 3.

Se non se cumpren ningún destes requisitos recollidos nos apartados a), b) ou c), a solicitude de aprazamento que se presente tramitarase e resolverá de acordo co procedemento xeral, aplicándose o tipo de xuro de mora a que se refire o artigo 23.5 do Real Decreto Lexislativo 8/2015, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei Xeral da Seguridade Social.

15. En que condicións se concede o aprazamento COVID da débeda coa Seguridade Social?

O aprazamento COVID tramitarase e resolverase de acordo co procedemento xeral, sendo de aplicación un xuro do 0,5% en lugar do xuro de mora vixente en cada momento que é o dos aprazamentos ordinarios (art. 23.5 do Real Decreto Lei 8/2015).

Serán aplicables, polo tanto, as normas xerais que regulamentan os aprazamentos de pagamento de débedas de Seguridade Social así como as condicións esixidas para a súa efectividade e vixencia: o ingreso das cotas inaprazables (as correspondentes ás continxencias de accidente de traballo e enfermidades profesionais, e a achega dos traballadores) no prazo máximo dun mes dende a data de notificación da resolución pola que se conceda o aprazamento, a constitución da garantía ofrecida cando resulte esixible e a non xeración de débeda con posterioridade á concesión do aprazamento.

16. Que outras cousas debo ter en conta á hora de cubrir a solicitude de aprazamento COVID?

Poderá incluírse nunha soa solicitude de aprazamento todos os Códigos de Conta de Cotización (CCC) afectados.

No caso de empresas cuxo titular sexa unha persoa física, incluído no sistema de Seguridade Social como traballador por conta propia, e se desexe estender o aprazamento ás cotas correspondentes ao Réxime Especial de Traballadores por Conta Propia ou Autónomos, ademais das correspondentes aos traballadores por conta allea, deberá facerse constar a devandita circunstancia na mesma solicitude, mediante os campos correspondentes a cubrir.

17. Como se considera nesta situación se se está ao corrente ou non?

Durante a tramitación das solicitudes de aprazamento presentadas en prazo regulamentario, e con independencia da data en que se dite a correspondente resolución, non se orixinará prexuízo ningún ao interesado para os efectos da obtención do certificado de estar ao corrente que tivera con anterioridade ao mes de devindicación cuxo aprazamento se solicita, nin tras a concesión se xerará recarga polo tempo de trámite do aprazamento.

18. Son compatibles a moratoria (art. 34) e o aprazamento (art. 35) aprobados polo Real Decreto-Lei 11/2020?

Para as cotas de abril e maio, este aprazamento pode resultar unha alternativa para aquelas empresas que non poidan acceder á moratoria, ao non cumprir os requisitos de actividade establecidos na Orde ISM/371/2020, do 24 de abril, pola que se desenvolve o artigo 34 do Real Decreto-Lei 11/2020, do 31 de marzo, polo que se adoptan medidas urxentes complementarias no ámbito social e económico para facer fronte á COVID-19. 

Non obstante, ambas as dúas medidas resultan incompatibles entre si, respecto dos períodos aos que o aprazamento ou a moratoria se soliciten.

Complementary Content
${loading}