MINISTERIO
DE EMPLEO
Y SEGURIDAD SOCIAL

Seguridade Social

Escudo de España ao carón do logotipo do Ministerio de Emprego e Seguridade Social con ligazón á súa páxina web. Ligazón nunha nova ventá. Logotipo da Seguridade Social con enlace á páxina de inicio
Información Lingüística

Traballadores

Réxime Xeral



Considérase situación protexida aquela en que se atope a traballadora embarazada durante o período de suspensión do contrato de traballo nos supostos en que, debendo esta cambiar de posto de traballo por outro compatible co seu estado, nos termos previstos no artigo 26.2 e 3 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, este cambio de posto non resulte técnica ou obxectivamente posible ou non poida, razoablemente, esixirse por motivos xustificados.

Cando as circunstancias a que se refire o mencionado artigo 26 afectasen a unha funcionaria integrada no Réxime Xeral e incluída no ámbito de aplicación do EBEP , considerarase situación protexida o permiso por risco durante o embarazo, a efectos da prestación económica da Seguridade Social.

Non se considerará situación protexida a derivada de riscos ou patoloxías que poidan influír negativamente na saúde da traballadora ou do feto, cando non estea relacionada con axentes, procedementos ou condicións do posto de traballo desempeñado.



As traballadoras por conta allea e socias traballadoras de sociedades cooperativas ou laborais, en situación de suspensión de contrato ou permiso por risco durante o embarazo, sempre que reúnan os seguintes requisitos:

  • Estar afiliadas e en alta nalgún dos réximes do sistema da Seguridade Social na data en que se inicie a suspensión. 
    • Consideraranse de pleno dereito afiliadas e en alta, aínda que o empresario incumprise as súas obrigas.
    • Para as profesionais taurinas, a inclusión no censo de activos equivale á situación de alta.
    • Considérase situación de alta especial a folga legal ou peche patronal.
  • No caso dos representantes de comercio esíxese, ademais, estar ao corrente do pagamento de cotas na data na que sobreveña a continxencia. Se non están ao corrente, advertirase da necesidade de que se poñan ao corrente, quedando condicionado o pagamento da prestación ao cumprimento desta obriga.
  • No caso das artistas e profesionais taurinas, que resulten debedoras de cotas en virtude das regularizacións que se efectúen ao finalizar o exercicio económico, será de aplicación o indicado no parágrafo anterior.
  • Nas situacións de pluriactividade:

    • Cando a situación de risco afecte a todas as actividades desempeñadas, terá dereito ao subsidio en cada un dos réximes se reúne os requisitos esixidos de maneira independente en cada un deles.
    • Cando a situación de risco afecte a unha ou algunha das actividades realizadas pola traballadora, pero non en todas, unicamente terá dereito ao subsidio no réxime no que estean incluídas as actividades en que exista este risco.
    • A percepción do subsidio será compatible co mantemento daquelas actividades que a traballadora xa viñera desempeñando con anterioridade ou puidera comezar a desempeñar e que non impliquen risco durante o embarazo.

Non se esixe un período mínimo de cotizaciónao derivarse de continxencias profesionais dende o 24-03-2007.



A prestación económica consiste nun subsidio equivalente ao 100% da base reguladora correspondente:

  • A base reguladora será a equivalente á que estea establecida para a prestación de incapacidade temporal (IT) derivada de continxencias profesionais, tomando como referencia a data en que se inicie a suspensión do contrato.
  • Cando o réxime de que se trate non contemple a cobertura das continxencias profesionais, a base reguladora será a equivalente á establecida para a prestación por incapacidade temporal derivada de continxencias comúns.

Nas situacións de pluriemprego:

  • Cando a suspensión do contrato de traballo por risco durante o embarazo se declare en todas as actividades que realice simultaneamente a traballadora, para a base reguladora, computaranse todas as bases de cotización nas distintas empresas, sendo de aplicación o tope máximo establecido a efectos de cotización.
  • Se a suspensión do contrato de traballo por risco durante o embarazo se declarase nunha ou nalgunhas das actividades realizadas pola traballadora, pero non en todas, no cálculo da base reguladora só se tomarán as bases de cotización correspondentes ás empresas onde se produce a suspensión do contrato de traballo, aplicando, a estes efectos, o límite que corresponda á fracción ou fraccións do tope máximo que aquelas teñan asignado. 

Traballadoras contratadas a tempo parcial:

  • A base reguladora diaria do subsidio será o resultado de dividir a suma das bases de cotización acreditadas na empresa durante os tres meses inmediatamente anteriores á data de inicio da suspensión laboral, entre o número de días naturais comprendidos neste período.
  • De ser menor a antigüidade do traballador na empresa, a base reguladora da prestación será o resultado de dividir a suma das bases de cotización acreditadas entre o número de días naturais aos que estas correspondan.

Traballadoras contratadas para a formación:

  • A base reguladora será equivalente ao 75 por 100 da base mínima de cotización vixente.

Artistas e de profesionais taurinos:

  • A base reguladora será a media diaria que resulte de dividir por 365 a suma das bases de cotización dos doce meses anteriores ao feito causante, ou a media diaria do período de cotización que se acredite, se este é inferior a un ano.

En ningún caso, a media diaria que resulte poderá ser inferior, en cómputo mensual, á base mínima de cotización que, en cada momento, corresponda á categoría profesional da traballadora.



  • O dereito ao subsidio nace dende o mesmo día que se inicie a suspensión do contrato de traballo ou o permiso por risco durante o embarazo.
  • Aboarase durante o período de suspensión ou permiso que sexa necesario para a protección da seguridade ou da sáude da traballadora embarazada e/ou do feto, e finalizará o día anterior a aquel en que se inicie a suspensión do contrato de traballo por maternidade ou o de reincorporación da muller traballadora ao seu posto de traballo anterior ou a outro compatible co seu estado.
  • No caso de traballadoras contratadas a tempo parcial, aboarase durante todos os días naturais en que se manteña a suspensión do contrato de traballo por risco durante o embarazo, coa excepción aludida no parágrafo anterior.


O dereito ao subsidio pode ser denegado, anulado ou suspendido cando a beneficiaria:

  • Actúe fraudulentamente para obter ou conservar o subsidio.
  • Realice calquera traballo ou actividade, xa sexa por conta allea ou propia, agás o previsto nos supostos de pluriactividade.

O dereito ao subsidio suspenderase durante os períodos entre tempadas para as traballadoras fixas descontinuas, en tanto non se produza o novo chamamento.



O dereito ao subsidio extínguese por:

  • Suspensión do contrato de traballo por maternidade.
  • Reincorporación da muller traballadora ao seu posto de traballo anterior ou a outro compatible co seu estado.
  • Extinción do contrato de traballo en virtude das causas legalmente establecidas.
  • Interrupción do embarazo.
  • Falecemento da beneficiaria. 

A traballadora e a empresa estarán obrigadas a comunicar á Entidade xestora ou colaboradora calquera circunstancia que implique a suspensión ou extinción do dereito ao subsidio.



  • Cando a traballadora se atope en situación de incapacidade temporal (IT) e, durante a mesma, solicite a prestación de risco durante o embarazo, non procederá o recoñecemento, no seu caso, do subsidio ata que se extinga a situación de IT por calquera das causas legal ou regulamentariamente establecidas.
  • Cando a traballadora se atope en situación de risco durante o embarazo e durante a mesma solicite a prestación por IT, non procederá o recoñecemento desta ata a finalización da situación de risco durante o embarazo, se reúne nese momento os requisitos necesarios para acceder á IT.
  • Cando a traballadora se atope en situación de risco durante o embarazo e durante ela se extinga o seu contrato, por algunha das causas previstas no artigo 208.1 da LGSS , a prestación por risco durante o embarazo extinguirase, pasando entón á situación legal de desemprego e a percibir, se reúne os requisitos necesarios, a correspondente prestación.


  • A xestión e o pagamento da prestación económica corresponde á Entidade xestora ou á Mutua de Accidentes de Traballo (AT) e Enfermidades Profesionais (EP) da Seguridade Social coa que a empresa teña concertada a cobertura dos riscos profesionais no momento da suspensión do contrato, con independencia de que durante a mencionada situación se produza un cambio da entidade.
  • O pagamento do subsidio realizarase pola Entidade xestora ou colaboradora por períodos mensuais vencidos.
  • No momento de facer efectivo o subsidio, deducirase  do importe do mesmo:
    • A contía á que ascende a suma das achegas do traballador relativas ás cotizacións á Seguridade Social, desemprego e formación profesional que procedan, no seu caso, para o seu ingreso na TGSS . O empresario virá obrigado a ingresar unicamente as achegas ao seu cargo correspondentes á cotización á Seguridade Social e polos demais conceptos de recadación conxunta que, no seu caso, procedan.
    • A retención por IRPF .
  • A Entidade xestora competente poderá declarar a responsabilidade empresarial en orde ás prestacións, así como a entidade que, no seu caso, deba anticipalas.


O recoñecemento do dereito ao subsidio corresponde á Entidade xestora ou á Mutua de AT e EP da Seguridade Social coa que teña concertada a empresa a cobertura das continxencias profesionais.

Iniciación do procedemento:
  • O procedemento inicíase a instancia da traballadora, mediante un informe que deberá solicitar ao facultativo do Servizo Público de Saúde, no que se acredite a situación de embarazo e a data probable do parto.
  • Co citado informe e un certificado da empresa sobre a actividade desenvolvida e as condicións do posto de traballo, a traballadora solicitará a emisión da certificación médica sobre a existencia de risco durante o embarazo ante a Entidade xestora ou colaboradora que corresponda.

Se a Entidade xestora ou colaboradora considera que non se produce a situación de risco durante o embarazo, denegará a expedición da certificación médica solicitada, comunicando á traballadora que non cabe iniciar o procedemento dirixido á obtención da correspondente prestación.

  • Unha vez certificado o risco, se non foi posible o cambio do posto de traballo, a empresa declarará á traballadora afectada en situación de suspensión do contrato por risco durante o embarazo.
Solicitude da prestación:
  • Para o recoñecemento do subsidio, a traballadora deberá presentar solicitude dirixida á Dirección provincial competente da Entidade xestora da provincia en que aquela teña o seu domicilio ou ante Mutua de AT e EP que lle corresponda.
  • A solicitude formularase nos modelos normalizados e deberá conter os datos e circunstancias que establece o |art.  70 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, acompañada dos documentos necesarios.
Resolución e notificación:

O Director provincial da Entidade xestora competente ditará resolución expresa e notificaralla á interesada no prazo de 30 días, contados dende a recepción da solicitude da interesada.

Cando non se recoñeza inicialmente o dereito á prestación económica, por non concorrer a situación protexida, indicarase á interesada, se procede, a data a partir da cal poderá recoñecerse a prestación, tendo en conta a certificación médica sobre a existencia de risco e a evolución no estado de xestación, en relación co risco específico derivado do posto de traballo. En consecuencia, nestes casos, non será necesaria unha nova solicitude senón, tan só, a achega da documentación esixida.

Cando se produzan contradicións nas declaracións e certificacións presentadas coa solicitude, ou concorran indicios de posible connivencia para obter a prestación, poderase solicitar informe á Inspección de Traballo e Seguridade Social, a fin de que esta manifieste a súa conformidade ou discrepancia en relación coas medidas adoptadas pola empresa, que poidan determinar o dereito ao subsidio. A petición do informe deberá ir acompañada da documentación presentada.

O informe deberá emitirse no prazo máximo de 15 días, transcorrido o cal, poderase ditar resolución, sen ter en conta o mesmo, a efectos do recoñecemento ou denegación da prestación económica. Excepcionalmente, nestes casos, o prazo de 30 días quedará suspendido ata a recepción do informe na Entidade xestora. 

Prescrición:

O dereito ao recoñecemento da prestación prescribe aos 5 anos, contados dende o día seguinte a aquel en que se produce o feito causante, sen prexuízo de que os efectos deste recoñecemento se produzan a partir dos 3 meses anteriores á data na que se presente a correspondente solicitude.



Nas |DDPP do INSS nas que non se dispoña de servizos médicos propios, a certificación médica sobre a existencia de risco será expedida pola Inspección de Servizos Sanitarios do Servizo Público de Saúde ou órgano equivalente das Comunidades Autónomas que asumisen as transferencias en materia de asistencia sanitaria.

No ámbito de aplicación do Réxime Especial da Seguridade Social dos Traballadores do Mar, nas DDPP nas que o ISM non dispoña de servizos médicos propios, a referida certificación médica será expedida polos servizos médicos do INSS ou, no seu caso, pola Inspección dos Servizos Sanitarios do Servizo Público de Saúde ou órgano equivalente das Comunidades Autónomas.

A expedición desta certificación, se procede o recoñecemento da situación de risco durante o embarazo ou a lactación natural, será de tramitación preferente e constará de orixinal e dúas copias:

  • Entregaráselle á traballadora o orixinal e unha copia con destino á empresa ou, de ser o caso, ao responsable do fogar familiar.
  • A outra copia quedará en poder do servizo médico.

A Entidade xestora ou colaboradora, responsable da xestión e o pagamento do subsidio por risco durante o embarazo ou a lactación natural, poderá solicitar a achega da avaliación inicial do risco do posto de traballo ocupado pola traballadora, así como a relación de postos de traballo exentos de risco.



EXHIBICIÓN DOS SEGUINTES DOCUMENTOS ORIXINAIS E EN VIGOR

1. Acreditación de identidade da interesada mediante a documentación seguinte en vigor:

  • Españolas: Documento Nacional de Identidade (DNI ). 
  • Estranxeiras:
    • Número de identificación de estranxeiros (NIE) e pasaporte ou documento/carta do seu país (UE  , EEE  e Suíza).
    • Tarxeta de identidade de estranxeiros (TIE), resto de países.

PRESENTACIÓN DOS SEGUINTES DOCUMENTOS, ORIXINAIS E EN VIGOR, E FOTOCOPIAS COMPULSADAS OU COPIAS PARA PROCEDER Á SÚA COMPULSA

2.  Documentación relativa á cotización:

  • Traballadora por conta allea do réxime xeral: certificado de empresa debidamente cuberto.
  • Traballadoras por conta allea do réxime especial agrario: certificado de empresa, cubrindo conforme ao TC  2/8 do mes anterior ao inicio da suspensión do contrato de traballo e xustificantes de pagamento dos tres últimos meses (TC 1/9).
  • Para as artistas e profesionais taurinas: declaración de actividades (TC 4/6) e xustificantes de actuacións (TC 4/5), que non fosen presentados na Dirección provincial ou na Administración da Tesourería Xeral da Seguridade Social.
  • Traballadora por conta propia: Xustificantes do pagamento de cotas dos tres últimos meses.
  • Representantes de comercio: xustificantes do pagamento de cotas dos tres últimos meses (TC 1/3).

DOCUMENTACIÓN QUE ACREDITE O RISCO

3. Informe médico do facultativo do Servizo Público de Saúde que a asiste.(1)

4. Certificación médica expedida  polos Servizos Médicos da Entidade Xestora, en función da Entidade coa que a empresa, ou as traballadoras por conta propia, teñan concertada a cobertura dos riscos profesionais, na que quede acreditado, no caso de "risco durante o embarazo", que as condicións do posto de traballo inflúen negativamente na saúde da traballadora ou do feto e, no caso de "risco durante a lactancia natural", que as condicións de traballo inflúen negativamente na saúde da muller ou do fillo.

5. Declaracións da empresa ou da traballadora por conta propia. (2)

  • Traballos e actividades realizadas pola traballadora, condicións do posto de traballo, categoría e risco específico.
  • Inexistencia doutro posto compatible co seu estado.

OUTRA DOCUMENTACIÓN

6. Declaración de situación de actividade, só para as traballadoras do réxime especial de traballadores autónomos.

7. Libro de familia, para a prestación de "risco durante a lactación natural".

 

(1) Non será necesaria a súa presentación cando achegue a certificación médica, que acredite o risco, e esta fose expedida polo Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS)

(2) No caso de socias de sociedades cooperativas ou laborais, a declaración será emitida polo xerente ou o administrador da sociedade.

No caso de traballadoras integradas no réxime especial de empregados do fogar, a declaración será emitida polo responsable do fogar familiar.

Esta documentación pode presentarse en calquera dos Centros de Atención e Información da Seguridade Social.

Copyright © Seguridad Social 1995. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal.

Icona de conformidade cos estándares AA Icona de conformidade cos estándares HTML 4.0. Icona de conformidade cos estándares CSS