
MINISTERIO
DE EMPLEO
Y SEGURIDAD SOCIAL
Contenido
Traballadores
Estás en: Inicio » Traballadores » Prestacións / Pensións de Traballadores » Prestacións familiares » Prestación económica por fillo ou menor acollido a cargo » Causantes / Beneficiarios
Causantes / Beneficiarios
-
Considérase "fillo ou menor acollido a cargo" a aquel que conviva e dependa economicamente do beneficiario.
Enténdese, a non ser que se demostre o contrario, que existe dependencia económica cando o fillo ou o menor acollido conviva co beneficiario. Non rompe a convivencia a separación transitoria motivada por razón de estudos, traballo dos proxenitores, adoptantes ou acolledores, tratamento médico, rehabilitación ou outras causas similares.
O causante non perderá a condición de fillo ou menor acollido a cargo polo simple feito de realizar un traballo lucrativo, por conta allea ou propia, sempre que continúe convivindo co beneficiario da prestación e que os ingresos percibidos por aquel en concepto de rendementos do traballo non superen o 100% do SMI vixente en cada momento, en cómputo anual.
-
Considérase que o fillo ou o menor acollido "non está a cargo" do beneficiario:
-
Se as rendas percibidas polo seu traballo ou por unha prestación substitutiva do salario superan o 100% doSMI citado anteriormente.
-
Cando sexa perceptor dunha pensión contributiva, a cargo dun réxime público de protección social español ou estranxeiro, distinta da pensión de orfandade ou da pensión en favor de familiares de netos e irmáns.
Terán dereito á asignación económica por fillo ou menor acollido os proxenitores, adoptantes ou acolledores sempre que:
-
Residan legalmente en territorio español. Considérase cumprida esta condición no suposto de traballadores trasladados pola súa empresa fóra do territorio español, que se atopen en situación asimilada á de alta e coticen no correspondente réxime de Seguridade Social español.
Non se considerará interrompida a residencia polas ausencias do territorio español inferiores a 90 días ao longo de cada ano natural, nincando a ausencia estea motivada por causas de enfermidade debidamente xustificadas. -
Teñan ao seu cargo fillos ou menores acollidos, menores de 18 anos ou maiores afectados por unha discapacidade nun grao igual ou superior ao 65%, residentes en territorio español. Considérase cumprido este requisito respecto dos fillos ou menores acollidos que acompañen nos seus desprazamentos aos traballadores trasladados pola súa empresa fóra do territorio nacional.
-
Non teñan dereito a prestacións desta mesma natureza en calquera outro réxime público de protección social.
-
Non perciban ingresos anuais, de calquera natureza, superiores a 11.376,66 euros. Esta contía increméntase nun 15% por cada fillo ou menor acollido a cargo, a partir do segundo, incluído este. Non se esixe límite de ingresos para o recoñecemento da condición de beneficiario da asignación por fillo ou menor acollido a cargo discapacitado.
Cando se trate de familias numerosas, os ingresos anuais non serán superiores a 17.122,59 euros, nos supostos en que concorran 3 fillos a cargo, incrementándose en 2.773,39 euros por cada fillo a cargo a partir do cuarto, incluído este.
No suposto de convivencia dos proxenitores ou dos adoptantes, se a suma de ingresos dos dous supera o límite indicado, non se recoñecerá a condición de beneficiario a ningún deles. Aplicarase igual regra nos supostos nos que o acollemento familiar, permanente ou preadoptivo, se constituíse por dúas persoas que formen unha mesma unidade familiar. -
Non obstante, tamén poden ser beneficiarios quen perciba ingresos anuais, por calquera natureza, que superando os importes indicados nos parágrafos anteriores, sexan inferiores á contía que resulte de sumarlle a esta cifra o produto de multiplicar o importe anual da asignación por fillo ou menor acollido polo número de fillos ou menores acollidos a cargo dos beneficiarios.
-
Os orfos de ambos proxenitores ou adoptantes, menores de 18 anos ou discapacitados nun grao igual ou superior ao 65%.
-
Quen non sexa orfo e fose abandonado polos seus proxenitores ou adoptantes, sempre que non se atopen en réxime de acollemento familiar, permanente ou preadoptivo, e reúnan os requisitos de idade ou discapacidade do punto anterior.
Cando se trate de menores non discapacitados, orfos ou abandonados, será requisito indispensable que os seus ingresos anuais, incluída, no seu caso, a pensión de orfandade ou a pensión en favor de familiares, non superen o límite de ingresos establecido.
-
Os fillos discapacitados maiores de 18 anos que non fosen incapacitados xudicialmente e conserven a súa capacidade de obrar (o que se presume cando non se acredite esta incapacitación xudicial), son beneficiarios das asignacións que, en razón deles, correspondería aos seus proxenitores ou adoptantes, previa presentación de solicitude ao efecto e con audiencia deles.
Nos casos de convivencia familiar:
Se nos dous proxenitores ou adoptantes ou, no seu caso, en quen acollese o menor, concorren as circunstancias necesarias para ser beneficiarios por un mesmo causante, será beneficiario:
-
Un deles, de común acordo. Presúmese que existe este, cando a prestación se solicite por un dos beneficiarios.
-
Se non existe acordo, o que deberá comunicarse de forma expresa ao INSS , aplicaranse as regras que, en canto á patria potestade e garda, establece o Código Civil. Neste suposto, o INSS ditará resolución mediante a que, e previo recoñecemento, de ser o caso, do dereito a percibir a prestación, se suspenderá o aboamento en tanto non recaia a oportuna resolución xudicial.
Nos casos de separación xudicial, nulidade ou divorcio:
Será beneficiario quen teña ao seu cargo ao fillo ou menor acollido, aínda que se trate de persoa distinta á que tiña recoñecida a prestación antes de producirse a separación xudicial, a nulidade ou o divorcio, sempre que os seus ingresos non superen os límites de ingresos anuais establecidos para ser beneficiario.
Non obstante, cando concorran nos dous proxenitores, adoptantes ou acolledores as circunstancias para seren beneficiarios, a prestación recoñeceráselle:
-
A un só deles, determinado de común acordo. Presúmese que existe este, cando a prestación sexa solicitada por un dos dous.
-
Á falta de acordo e de previsión xudicial expresa, será beneficiario aquel a quen se lle conceda a custodia do fillo ou menor.
-
Cando por resolución xudicial se acordase o exercicio compartido da garda e custodia, a prestación recoñeceráselle, logo da solicitude, a cada un deles en proporción ao tempo no que lle fose recoñecida a custodia do fillo ou menor.
O disposto neste apartado será de aplicación nos supostos de ruptura dunha unidade familiar baseada nunha análoga relación de afectividade á conxugal.
Nos casos de orfos dos dous proxenitores ou adoptantes e de quen, non sendo orfo, fose abandonado por aqueles:
-
A asignación farase efectiva aos representantes legais ou a quen teña ao seu cargo ao menor ou minusválido "incapacitado xudicialmente", mentres cumpran coa obriga de mantelo e educalo.
-
Noutro caso, aboarase ao propio orfo ou abandonado.
-
Para acreditar o requisito relativo ao límite de ingresos, teranse en conta os rendementos do traballo, do capital, das actividades económicas, así como calquera outro ben e dereitos de natureza prestacional e os que se consideren como tales, de conformidade coas regras seguintes:
- Os ingresos computaranse no seu valor bruto, excepto os procedentes de actividades económicas realizadas por conta propia, que se computarán no seu valor neto, ao que se engadirá o importe das cotizacións sociais.
- Cando se trate de rendementos do capital mobiliario, só se computarán os intereses ou outra clase de rendementos obtidos polo beneficiario, pero non o capital en si mesmo.
- Cando o beneficiario dispoña de bens inmobles arrendados, teranse en conta os seus rendementos, determinados conforme ao disposto no texto refundido da Lei do IRPF , aprobado por RD Lexislativo 3/2004, do 5 de marzo. Se os inmobles non estivesen arrendados, os ingresos valoraranse segundo as normas establecidas para a imputación de rendas inmobiliarias polo citado texto refundido.
- Non se computarán as rendas exentas ás que se refiren os parágrafos a), b), c), d), e), i), j), n), o), q), r), s), t), x) e z) do artigo 7 do texto refundido da Lei do IRPF , así como as prestacións familiares recollidas no parágrafo h) do citado artigo, nin o importe do complemento por terceira persoa, no suposto de pensións de grande invalidez.
- Para o cómputo dos ingresos, teranse en conta os obtidos polos beneficiarios durante o exercicio anterior á solicitude ao nacemento ou á adopción.
- No caso de menores abandonados ou orfos dos dous proxenitores, sempre que non se atopen en réxime de acollemento familiar, permanente ou preadoptivo, computaranse exclusivamente os ingresos que aqueles perciban.
- Nos casos de convivencia dos dous proxenitores, adoptantes ou acolledores, os ingresos anuais dos dous compútanse conxuntamente. A tales efectos, presúmese da existencia de convivencia entre cónxuxes, a non ser que se probe o contrario, e non se reputará en ningún caso como falta de convivencia a separación transitoria e circunstancial por razón de traballo ou outras causas análogas.
- Nos casos de convivencia cun só proxenitor ou adoptante, debido ao falecemento dun deles ou a unha nulidade matrimonial, separación xudicial ou divorcio, non se terán en conta os ingresos dos fillos a cargo que perciba o beneficiario como representante legal destes e que proveñan da pensión de orfandade e da pensión en favor de familiares.
Información Relacionada
Pie
Copyright © Seguridad Social 1995. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal.





