MINISTERIO
DE EMPLEO
Y SEGURIDAD SOCIAL

Seguridade Social

Escudo de España ao carón do logotipo do Ministerio de Emprego e Seguridade Social con ligazón á súa páxina web. Ligazón nunha nova ventá. Logotipo da Seguridade Social con enlace á páxina de inicio
Información Lingüística
Buscador avanzado

Traballadores

Contía

A contía da pensión determínase aplicando á base reguladora a porcentaxe xeral que corresponda en función dos anos cotizados e, se é o caso, a porcentaxe adicional por prolongación da vida laboral, cando se acceda á xubilación cunha idade superior á ordinaria vixente en cada momento e o coeficiente redutor que corresponda.

                              



A partir do ano 2022, a base reguladora será o cociente que resulta de dividir por 350 as bases de cotización do interesado durante os 300 meses inmediatamente anteriores ao do mes previo ao do feito causante.

Se se accede á pensión dende unha situación de alta ou asimilada sen obriga de cotizar, o período de determinación da base reguladora (BR) non pode retrotraerse ao momento en que cesou a obriga de cotizar.

Para aquelas persoas as que lles sexa aplicable a lexislación anterior ao 1-1-2013, en aplicación da disposición transitoria cuarta da LGSS, a base reguladora será o cociente que resulte de dividir por 210 as bases de cotización do interesado durante os 180 meses inmediatamente anteriores ao do mes previo ao do feito causante.

Dende o 1-1-2013, o número de meses elevarase progresivamente a razón de 12 meses por ano, de acordo coa seguinte táboa que indica o número dos meses computables en cada exercicio ata chegar aos 300 en 2022 e o divisor correspondente:

Ano |Núm. meses computables/Divisor Anos computables
2013 192 / 224 16
2014 204 / 238 17
2015 216 / 252 18
2016 228 / 266 19
2017 240 / 280 20
2018 252 / 294 21
2019 264 / 308 22
2020 276 / 322 23
2021 288 / 336 24
2022 300 / 350 25

Supostos de redución de bases de cotización:

Para os traballadores que cesasen no traballo por causa non imputable á súa libre vontade, polas causas e os supostos considerados no artigo 267,1 a) da LGSS, e que, a partir dos 55 anos de idade e polo menos durante 24 meses, experimentasen unha redución das bases de  cotización respecto da acreditada con anterioridade á extinción da relación laboral, a BR será:

  • Dende o 1-1-2013 ata o 31-12-2016, o resultado de dividir por 280 as bases de cotización durante os 240 meses inmediatamente anteriores (fórmula de 20 anos computables) ao mes previo ao do feito causante, sempre que lles resulte máis favorable que a que lle tivese correspondido de acordo co indicado na táboa anterior.
  • Dende o 1-1-2017 ata o 31-12-2021, o resultado de dividir por 350 as bases de cotización durante os 300 meses inmediatamente anteriores (25 anos) ao mes previo ao do feito causante, sempre que tamén lles resulte máis favorable.
  • O indicado anteriormente aplicarase, así mesmo, aos traballadores por conta propia ou autónomos cando transcorra un ano dende a data en que tivesen esgotado a prestación por cesamento de actividade (Lei 32/2010, do 5 de agosto).

Nestes supostos terase en conta o seguinte:

  • O cesamento no traballo por causa non imputable á libre vontade do traballador, que pode producirse antes ou despois de facer os 55 anos de idade, enténdese referido á relación laboral máis extensa da súa carreira de cotización extinguida despois de facer os 50 anos de idade.
  • Os vinte e catro meses, non necesariamente consecutivos, con bases de cotización inferiores á acreditada no mes inmediatamente anterior ao da extinción da relación laboral referida no parágrafo anterior, han de estar comprendidos entre cando se faga a idade de 55 anos, ou a de extinción da relación laboral por causa non imputable á libre vontade do traballador, se esta é posterior ao momento en que se fai a devandita idade, e o mes anterior ao mes previo ao do feito causante da pensión de xubilación.
  • No caso de traballadores por conta propia ou autónomos, con respecto aos cales transcorrese un ano dende a data en que se esgotase a prestación por cesamento de actividade, a aplicación do establecido nos apartados 2 e 3 da disposición transitoria oitava da LGSS queda condicionada a que o devandito cesamento, producido a partir de facer os 55 anos de idade, o fose respecto da última actividade realizada previa ao feito causante da pensión de xubilación.

Actualización de bases de cotización:

As bases de cotización dos 24 meses inmediatamente anteriores ao mes previo ao do feito causante tómanse polo seu valor nominal.

As restantes bases de cotización actualizaranse de acordo coa evolución do Índice de Prezos ao Consumo (IPC) dende o mes a que aquelas correspondan ata o mes inmediato anterior a aquel en que se inicie o período a que se refire o parágrafo anterior.

Integración de lagoas:

Se no período que haxa de tomarse para o cálculo da BR aparecesen meses durante os cales non existise obriga de cotizar, as  primeiras  48  mensualidades  integraranse coa base mínima de entre todas as existentes en cada momento, e o resto de mensualidades co 50% da devandita base mínima.

Para aquelas persoas ás que lles sexa aplicable a lexislación anterior ao 01-01-2013, en aplicación da disposición transitoria cuarta da LGSS, as lagoas de cotización integraranse, para os exclusivos efectos do devandito cálculo, coa base mínima de cotización vixente en cada momento no Réxime Xeral para os traballadores maiores de 18 anos.

Cando nalgún dos meses a obriga de cotizar exista só durante unha parte do mes, procederá a integración sinalada no parágrafo anterior pola parte do mes en que non exista obriga de cotizar, sempre que a base de cotización correspondente ao primeiro período non alcance a contía da base mínima mensual sinalada. En tal suposto, a integración alcanzará ata esta última contía.

No caso de traballadores incluídos no Sistema especial para empregados de fogar, dende o ano 2012 ata o ano 2018, para o cálculo da BR da pensión de xubilación só se terán en conta os períodos realmente cotizados (sen integración de lagoas).

No caso de traballadores incluídos no Sistema especial para traballadores por conta allea agrarios, a partir do 01-01-2012, para o cálculo da BR só se terán en conta os períodos realmente cotizados (non se aplicará integración de lagoas).

Nos supostos de contratos a tempo parcial, de remuda e fixos descontinuos deberá terse en conta que:

  • A integración dos períodos durante os que non houbese obriga de cotizar, levarase a cabo coa base mínima de cotización de entre as aplicables en cada momento, correspondente ao número de horas contratadas na data en que se interrompeu ou extinguiu a obriga de cotizar. Se a obriga de cotizar existe só durante unha parte do mes, a integración procederá pola parte do mes en que non exista obriga de cotizar, sempre que a base de cotización correspondente non alcance a contía da base mínima citada.
  • A excepción dos períodos entre tempadas ou campañas dos traballadores con contrato de traballo fixo-descontinuo, en ningún caso se considerarán lagoas de cotización as horas ou días en que non se traballe en razón ás interrupcións na prestación de servizos derivadas do propio contrato a tempo parcial.

Incrementos das bases de cotización:

Non se poderán computar os incrementos das bases de cotización, producidos nos dous últimos anos, se son consecuencia de aumentos salariais superiores ao incremento medio interanual experimentado no convenio colectivo aplicable ou, no seu defecto, no correspondente sector.

Exceptúanse os incrementos salariais que sexan consecuencia da aplicación estrita das normas contidas en disposicións legais e convenios colectivos sobre antigüidade e ascensos regulamentarios da categoría profesional, así como aqueles incrementos salariais que deriven de calquera outro concepto retributivo tamén regulado en disposicións legais ou convenios colectivos.

Pluriemprego:

As bases polas que se cotizase ás diversas empresas computaranse na súa totalidade, sen que a suma das devanditas bases poida exceder do límite máximo de cotización vixente en cada momento.

Pluriactividade:

Cando se acrediten cotizacións a varios réximes e non se cause dereito a pensión a un deles, as bases de cotización acreditadas neste último en réxime de pluriactividade, poderán ser acumuladas ás do réxime en que se cause a pensión, exclusivamente para a determinación da BR desta, sen que suma das bases poida exceder do límite máximo de cotización vixente en cada momento.

Supostos de exoneración de cotas (*):

Polos períodos de actividade nos que non se efectuasen cotizacións por continxencias comúns, respecto daqueles traballadores con contrato indefinido e coa idade e período de cotización esixido para alcanzar o 100% da BR vixentes en cada momento, teranse en conta as seguintes regras:

  1. Tomaranse as bases polas que tivese cotizado o interesada, agás que sexan superiores ao resultado de incrementar a media das bases de cotización do ano natural inmediatamente anterior, na porcentaxe de variación media coñecida do IPC no último ano indicado, máis dous puntos porcentuais.
  2. Se as bases de cotización declaradas fosen superiores á media das do ano anterior, incrementadas segundo o disposto na regra 1, tomarase como base de cotización esta contía.
  3. Para os efectos do cálculo da media citada na regra 1, tomaranse as bases de cotización correspondentes á actividade e empresa pola que estea exonerado de cotización e por xornada equiparable á que se estea realizando.
  4. Se non existisen bases de cotización en todas as mensualidades do ano natural anterior, tomarase a media das bases de cotización que existan, dividido polo número de meses ao que correspondan.
  5. De non existir bases de cotización pola actividade que se encontra suxeita á exoneración de cotas, tomaranse as bases de cotización que teña o interesado por traballos por conta allea realizados durante o ano anterior ao comezo desta exoneración, en xornada equiparable á que estea exenta de cotización.
  6. De non existir bases de cotización no ano anterior, tomaranse as bases de cotización do primeiro ano en que existan, calculando a media citada na regra 1 e aplicando as regras citadas nos apartados anteriores. A devandita media incrementarase na porcentaxe de variación media do ano ou anos naturais anteriores ata chegar ao ano correspondente ao do período de exoneración de cotas.

Base de cotización que hai que considerar na BR nos supostos de beneficio por coidado de fillos ou menores acollidos:

  • Cando o período computable como cotizado en concepto de beneficio por coidado de fillos ou menores acollidos estea comprendido dentro do período de cálculo para a determinación da base reguladora das prestacións, a base de cotización que hai que considerar estará constituída pola media das bases de cotización do beneficiario correspondentes aos seis meses inmediatamente anteriores ao inicio da interrupción da cotización ou, se é o caso, cando existan intermitencias na cotización, as correspondentes aos seis meses cotizados inmediatamente anteriores a cada período que se compute.
  • Se o beneficiario non tivese acreditado o citado período de seis meses de cotización, computarase a media das bases de cotización que resulten acreditadas, correspondentes ao período inmediatamente anterior á interrupción da cotización.



Porcentaxe aplicable a partir do 01-01-2013:

A porcentaxe é variable en función dos anos de cotización á Seguridade Social, aplicándose unha escala que comeza co 50% aos 15 anos, aumentando a partir do décimo sexto ano un 0,19% por cada mes adicional de cotización, entre os meses 1 e 248, e un 0,18% os que superen o mes 248, sen que a porcentaxe aplicable á base reguladora supere o 100%, agás nos casos en que se acceda á pensión cunha idade superior á que resulte de aplicación.

Á contía así determinada seralle de aplicación o factor de sustentabilidade que corresponda en cada momento. O devandito factor de sustentabilidade aplicarase ás pensións de xubilación do sistema da Seguridade Social que se causen a partir do 01-01-2019.

Non obstante, ata o ano 2027 establécese un período transitorio e gradual, no cal as porcentaxes anteriores serán substituídas polas seguintes:

PORCENTAXE - XUBILACIÓN - ANOS COTIZADOS
PERÍODO
DE
APLICACIÓN
PRIMEIROS
15 ANOS
ANOS ADICIONAIS TOTAL
Anos % MESES
ADICIONAIS
COEFICIENTE    %     ANOS ANOS   %  
2013 a 2019 15 50 1 ao 163
83 restantes
0,21
0,19
34,23
15,77
15 50 Total 246 meses 50,00 20,5 35,5 100
2020 a 2022 15 50 1 ao 106
146 restantes
0,21
0,19
22,26
27,74
15 50 Total 252 meses 50,00 21 36 100
2023 a 2026 15 50 1 ao 49
209 restantes
0,21
0,19
10,29
39,71
15 50 Total 258 meses 50,00 21,5 36,5 100
A partir de 2027 15 50 1 ao 248
16 restantes
0,19
0,18
47,12
2,88
15 50 Total 264 meses 50,00 22 37 100

Aplicación do complemento por maternidade:

Ás mulleres que tivesen 2 ou máis fillos, biolóxicos ou adoptados, aplicaráselles un complemento por maternidade consistente nunha porcentaxe aplicable ao importe da pensión que se cause a partir do 1 de xaneiro de 2016, calculada de acordo co indicado nos apartados anteriores. A devandita porcentaxe será do 5 % no caso de dous fillos, do 10 % con tres fillos e do 15 % no caso de catro ou máis fillos.

Son computables para a determinación do dereito e a súa cuantificación os fillos, con independencia de que o nacemento se producise en España ou no estranxeiro.

O complemento de pensión non será de aplicación nos casos de acceso anticipado á xubilación por vontade da interesada nin nos de xubilación parcial, aos que se refiren, respectivamente, os artigos 208 e 215 da Lei Xeral da Seguridade Social.  Así mesmo, non será de aplicación á pensión SOVI.


Porcentaxe aplicable aos que se acollan á lexislación anterior ao 01-01-2013:

A porcentaxe é variable en función dos anos de cotización á Seguridade Social, aplicándose unha escala que comeza co 50% aos 15 anos, aumentando un 3% por cada ano adicional comprendido entre o décimo sexto e o vixésimo quinto e un 2% a partir do vixésimo sexto ata alcanzar o 100% aos 35 anos.

ESCALA DE PORCENTAXES POR ANOS COTIZADOS
Anos de cotización Porcentaxe da
base reguladora
Aos 15 anos 50%
Aos 16 anos 53%
Aos 17 anos 56%
Aos 18 anos 59%
Aos 19 anos 62%
Aos 20 anos 65%
Aos 21 anos 68%
Aos 22 anos 71%
Aos 23 anos 74%
Aos 24 anos 77%
Aos 25 anos 80%
Aos 26 anos 82%
Aos 27 anos 84%
Aos 28 anos 86%
Aos 29 anos 88%
Aos 30 anos 90%
Aos 31 anos 92%
Aos 32 anos 94%
Aos 33 anos 96%
Aos 34 anos 98%
Aos 35 anos 100%

Os anos de cotización que hai que ter en conta son os efectuados:

    • Ao Réxime Xeral da Seguridade Social.

    • Aos diferentes Réximes Especiais da Seguridade Social.

    • Aos antigos Réximes do Seguro de Vellez e Invalidez e/ou Mutualismo Laboral.

    • Aos Réximes integrados, incluíndose os anteriores á implantación destes se foron computables para causar dereito ás prestacións neles previstas.

    • A outras Entidades de Previsión Social que actúen como substitutivas das correspondentes ao réxime ou aos réximes que estean pendentes de integración.

    • As efectuadas ao Réxime de Clases Pasivas do Estado.

    • Ás Administracións Públicas e organismos dependentes delas con anterioridade ao 1-1-59 polo persoal que non ostentaba a condición de funcionario.

Regras para o cómputo dos anos de cotización:

Se as cotizacións son posteriores ao 1-1-67, tomaranse todos os días efectivamente cotizados e o total de días dividirase por 365 para obter o número de anos cotizados. A fracción de ano non poderá asimilarse a ano completo, dado que, unha vez superados os primeiros 15 anos de cotización, a porcentaxe aplicable á base reguladora vai aumentando por cada mes adicional cotizado.

Se existen cotizacións anteriores ao 1-1-67, o número de anos cotizados obtense dividindo por 365 o total de días cotizados (sen asimilar a fracción de ano a un ano completo) obtidos da suma das cotizacións seguintes:

  • Días cotizados no Réxime Xeral e noutros réximes a partir do 1-1-67.
  • Días cotizados ao Seguro de Vellez e Invalidez e Mutualismo Laboral entre o 1-1-60 e o 31-12-66, sempre que non se superpoñan.
  • Os días de bonificación que correspondan ao traballador, segundo a idade que se teña o 01-01-67, sempre que acrediten cotizacións ao Seguro de Vellez e Invalidez e/ou Mutualismo Laboral, de acordo coa seguinte escala:

ESCALA PARA ABOAMENTO DE ANOS E DÍAS DE COTIZACIÓN
Idade a 1-1-67 Anos Días
65 anos 30 318
64 anos 30 67
63 anos 29 182
62 anos 28 296
61 anos 28 46
60 anos 27 161
59 anos 26 275
58 anos 26 25
57 anos 25 139
56 anos 24 254
55 anos 24 4
54 anos 23 118
53 anos 22 233
52 anos 21 347
51 anos 21 97
50 anos 20 212
49 anos 19 326
48 anos 19 76
47 anos 18 191
46 anos 17 305
45 anos 17 55
44 anos 16 169
43 anos 15 284
42 anos 15 34
41 anos 14 148
40 anos 13 263
39 anos 13 12
38 anos 12 127
37 anos 11 242
36 anos 10 356
35 anos 10 106
34 anos 9 220
33 anos 8 335
32 anos 8 85
31 anos 7 199
30 anos 6 314
29 anos 6 64
28 anos 5 178
27 anos 4 293
26 anos 4 42
25 anos 3 157
24 anos 2 272
23 anos 2 21
22 anos 1 136
21 anos 0 250



  • Cando se acceda á pensión de xubilación a unha idade superior  á  idade ordinaria de xubilación vixente en cada momento, sempre que ao facer esta idade se tivese reunido o período mínimo de cotización  esixido, recoñecerase ao interesado unha porcentaxe adicional por cada ano completo cotizado, ou que se considere legalmente cotizado, entre a data en que fixo a devandita idade e a do feito causante da pensión, en función do número de anos cotizados que se acrediten na primeira das datas indicadas.
  • Porcentaxe adicional a partir do 01-01-2013:
    • O 2% por cada ano completo cotizado ou que se considere legalmente cotizado, dende a data en que se fixo a idade ordinaria de xubilación vixente en cada momento ata a data do feito causante da pensión, cando o interesado acreditase ata 25 anos cotizados ao facer a devandita idade.
    • O 2,75 % cando o interesado acreditase entre 25 e 37 anos cotizados.
    • O 4 % cando o interesado acreditase máis de 37 anos cotizados.
  • Porcentaxe adicional para os que resulte de aplicación a lexislación anterior ao 01-01-2013:
    • O 2% por cada ano completo cotizado, ou que se considere legalmente cotizado, dende a data en que se fixeron 65 anos ata a data do feito causante da pensión.
    • O 3% cando o interesado acreditase, polo menos, 40 anos de cotización ao facer 65 anos.
  • A porcentaxe adicional obtida sumarase á que, con carácter xeral, corresponda ao interesado de acordo cos anos cotizados. A porcentaxe resultante aplicarase á BR para os efectos de determinar a contía da pensión, que non poderá ser superior, en ningún caso, ao límite máximo establecido para as pensións contributivas na correspondente LPGE.
  • Se a contía da pensión recoñecida alcanza o límite máximo sen aplicar a porcentaxe adicional ou aplicándoa só parcialmente, o interesado percibirá:
    • A pensión polo importe máximo.
    • Ademais, terá dereito a percibir anualmente unha cantidade que se obterá aplicando ao importe máximo vixente en cada momento a porcentaxe adicional non utilizada para determinar a contía da pensión, redondeada á unidade máis próxima por exceso. A citada cantidade percibirase por meses vencidos e aboarase en catorce pagas.
  • A suma do seu importe e o da pensión ou pensións que tivese recoñecidas o interesado, en cómputo anual, non pode superar a contía do tope máximo da base de cotización vixente en cada momento, tamén en cómputo anual.
  • Este beneficio non será de aplicación nos supostos de xubilación parcial, xubilación flexible, nin de coeficientes redutores da idade de xubilación. Polo tanto, este beneficio só se aplicará a traballadores que, na data do feito causante, accedan á pensión de xubilación a unha idade real superior á idade ordinaria de xubilación establecida legalmente.
  • Traballadores coa condición de mutualistas o 1 de xaneiro de 1967 ou data equivalente:
    • Cando accedan á pensión de xubilación cunha idade superior á establecida legalmente, a contía daquela recoñeceráselles nos termos establecidos no artigo 210 da LGSS.
    • Para tal efecto, recoñecerase ao interesado unha porcentaxe adicional por cada ano completo cotizado, ou que se considere legalmente cotizado, entre a data en que faga a idade que resulte de aplicación en cada caso, segundo o establecido no artigo 205.1.a) da devandita lei, e a do feito causante da pensión.


  • A base reguladora das prestacións de xubilación e incapacidade permanente calcularase conforme a regra xeral.
  • Para os efectos da determinación da contía das pensións de xubilación e de incapacidade permanente derivada de enfermidade común, o número de días cotizados que resulten da aplicación do coeficiente de parcialidade (segundo parágrafo da letra a) do artigo 247 da LGSS), incrementarase coa aplicación do coeficiente do 1,5, sen que o número de días resultante poida ser superior ao período de alta a tempo parcial.
  • A porcentaxe que se vai aplicar sobre a respectiva base reguladora determinarase conforme a escala xeral (artigo 210  e  disposición transitoria novena da LGSS),  coa seguinte excepción:

    Cando o interesado acredite un período de cotización inferior a quince anos, considerando a suma dos días a tempo completo cos días a tempo parcial incrementados xa estes últimos co coeficiente do 1,5, a porcentaxe a aplicar sobre a respectiva base reguladora será o equivalente ao que resulte de aplicar a 50 a porcentaxe que represente o período de cotización acreditado polo traballador sobre quince anos.

(*) Exoneración de cotas de traballadores con 65 ou máis anos:

A partir do 01-01-2013:

Os empresarios e traballadores quedarán exentos de cotizar á Seguridade Social por continxencias comúns, agás por incapacidade temporal derivada destas, respecto daqueles traballadores por conta allea con contratos de traballo de carácter indefinido, así como dos socios traballadores ou de traballo das cooperativas, sempre que se encontren nalgún destes supostos:

  • 65 anos de idade e 38 anos e 6 meses de cotización.
  • 67 anos de idade e 37 anos de cotización.
     

En todos os casos citados, para os efectos do cómputo de anos de cotización non se tomarán en conta as partes proporcionais de pagas extraordinarias.

Se ao facer a idade correspondente a que se refiren os parágrafos anteriores o traballador non tivese cotizados  o número de anos en cada caso requirido, a exención será aplicable a partir da data en que se acrediten os anos de cotización esixidos para cada suposto.

As exencións non serán aplicables ás cotizacións relativas a traballadores que presten os seus servizos nas Administracións públicas ou nos Organismos públicos regulados no Título III da Lei 6/1997, do 14 de abril, de organización e funcionamento da Administración Xeral do Estado.

Aos traballadores que se lles aplique as exencións da obriga de cotizar, previstas no artigo 112 bis con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2013 e que accedan ao dereito á pensión de xubilación con posterioridade á devandita data, o período durante o que se estendesen as devanditas exencións será considerado como cotizado para os efectos do cálculo da pensión correspondente.

Para os cales resulte de aplicación a lexislación anterior ao 01-01-2013:

Os empresarios e traballadores quedarán exentos de cotizar á Seguridade Social por desemprego, Fondo de Garantía Salarial, formación profesional e por continxencias comúns, agás por incapacidade temporal derivada destas, respecto daqueles traballadores por conta allea con contratos de traballo de carácter indefinido, así como dos socios traballadores ou de traballo das cooperativas, sempre que teñan feitos os 65 ou máis anos de idade e acrediten 35 ou máis anos de cotización efectiva á Seguridade Social, sen que se computen para estes efectos as partes proporcionais de pagas extraordinarias.

Se ao facer os 65 anos de idade o traballador non tivese cotizados 35 anos, a exención será aplicable a partir da data en que se acrediten os 35 anos de cotización efectiva.

As exencións non serán aplicables ás cotizacións relativas a traballadores que presten os seus servizos nas Administracións públicas ou nos Organismos públicos regulados no Título III da Lei 6/1997, do 14 de abril, de organización e funcionamento da Administración Xeral do Estado.

Copyright © Seguridad Social 2018. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal