MINISTERIO
DE EMPLEO
Y SEGURIDAD SOCIAL

Seguridade Social

Escudo de España ao carón do logotipo do Ministerio de Emprego e Seguridade Social con ligazón á súa páxina web. Ligazón nunha nova ventá. Logotipo da Seguridade Social con enlace á páxina de inicio
Información Lingüística

Traballadores

Contía

A contía da pensión determínase aplicando á base reguladora a porcentaxe xeral que corresponda en función dos anos cotizados e, no seu caso, a porcentaxe adicional cando se acceda á xubilación con máis de 65 anos.

                              



É o cociente que resulte de dividir por 210 as bases de cotización do interesado durante os 180 meses inmediatamente anteriores ao do mes previo ao do feito causante.

Se se accede á pensión dende unha situación de alta ou asimilada sen obriga de cotizar, o período de determinación da base reguladora (BR) non pode retrotraerse ao momento en que cesou a obriga de cotizar.

Actualización de bases de cotización:

As bases de cotización dos 24 meses inmediatamente anteriores ao mes previo ao do feito causante tómanse polo seu valor nominal.

As restantes bases de cotización actualizaranse de acordo coa evolución do Índice de Prezos ao Consumo (IPC) dende o mes a que aquelas correspondan ata o mes inmediato anterior a aquel en que se inicie o período a que se refire o parágrafo anterior.

Integración de lagoas:

Se no período que teña que tomarse para o cálculo da BR aparecesen meses durante os cales non existise obriga de cotizar, as lagoas de cotización integraranse, para os exclusivos efectos deste cálculo, coa base mínima de cotización, vixente en cada momento, no Réxime Xeral para os traballadores maiores de 18 anos.

Cando nalgún dos meses, a obriga de cotizar exista só durante unha parte do mes, procederá a integración sinalada no parágrafo anterior pola parte do mes no que non exista obriga de cotizar, sempre que a base de cotización correspondente ao primeiro período non alcance a contía da base mínima mensual sinalada. Neste suposto, a integración alcanzará ata esta última contía.

No caso de traballadores incluídos no Sistema especial para empregados de fogar, dende o ano 2012 ata o ano 2018, para o cálculo da BR da pensión de xubilación só se terán en conta os períodos realmente cotizados (sen integración de lagoas).

No caso de traballadores incluídos no Sistema especial para traballadores por conta allea agrarios, a partir do 01-01-2012, para o cálculo da BR só se terán en conta os períodos realmente cotizados (non se aplicará integración de lagoas).

Nos supuestos de contratos a tempo parcial, de remuda e fixos descontinuos deberá terse en conta que:

  • A integración dos períodos, durante os que non houbese obriga de cotizar, levarase a cabo coa base mínima de cotización de entre as aplicables en cada momento, correspondente ao número de horas contratadas na data na que se interrompeu ou extinguiu a obriga de cotizar. Se a obriga de cotizar existe só durante unha parte do mes, a integración procederá pola parte do mes en que non exista obriga de cotizar, sempre que a base de cotización correspondente non alcance a contía da base mínima citada.
  • A excepción dos períodos entre tempadas ou campañas dos traballadores con contrato de traballo fixo-descontinuo, en ningún caso se considerarán lagoas de cotización as horas ou días nos que non se traballe en función das interrupcións na prestación de servizos derivadas do propio contrato a tempo parcial.

Incrementos das bases de cotización:

Non se poderán computar os incrementos das bases de cotización, producidos nos dous últimos anos, se son consecuencia de aumentos salariais superiores ao incremento medio interanual experimentado no convenio colectivo aplicable ou, no seu defecto, no correspondente sector.

Exceptúanse os incrementos salariais que sexan consecuencia da aplicación estrita das normas contidas en disposicións legais e convenios colectivos sobre antigüidade e ascensos regulamentarios da categoría profesional, e tamén aqueles incrementos salariais que deriven de calquera outro concepto retributivo tamén regulado en disposicións legais ou convenios colectivos.

Pluriemprego:

As bases polas que se cotizase ás diversas empresas computaranse na súa totalidade, sen que a suma destas bases poida exceder do límite máximo de cotización vixente en cada momento.

Pluriactividade:

Cando se acrediten cotizacións a varios réximes e non se cause dereito a pensión nun deles, as bases de cotización acreditadas neste último, en réxime de pluriactividade, poderán ser acumuladas ás do réxime no que se cause a pensión, exclusivamente para a determinación da BR da mesma, sen que a suma das bases poida exceder do límite máximo de cotización vixente en cada momento.

Supostos de exoneración de cotas (*):

Polos períodos de actividade nos que non se efectuasen cotizacións por continxencias comúns, con respecto a aqueles traballadores con contrato indefinido e 65 ou máis anos de idade que acrediten 35 ou máis anos de cotización efectiva, teranse en conta as regras seguintes:

  1. Tomaranse as bases polas que viñese cotizando o interesado, agás que sexan superiores ao resultado de incrementar a media das bases de cotización do ano natural inmediatamente anterior, na porcentaxe de variación media coñecida do IPC no último ano indicado, máis dous puntos porcentuais.
  2. Se as bases de cotización declaradas fosen superiores á media das do ano anterior, incrementadas segundo o disposto na regra 1, tomarase como base de cotización esta contía.
  3. Para os efectos do cálculo da media citada na regra 1, tomaranse as bases de cotización correspondentes á actividade e empresa pola que estea exonerado de cotización e por xornada equiparable á que se estea a realizar.
  4. Se non existisen bases de cotización en todas as mensualidades do ano natural anterior, tomarase a media das bases de cotización que existan, dividido polo número de meses ao que as mesmas correspondan.
  5. De non existir bases de cotización pola actividade que se encontra suxeita á exoneración de cotas, tomaranse as bases de cotización que teña o interesado por traballos por conta allea realizados durante o ano anterior ao comezo desta exoneración, en xornada equiparable á que estea exenta de cotización.
  6. De non existir bases de cotización no ano anterior, tomaranse as bases de cotización do primeiro ano en que existan, calculando a media citada na regra 1 e aplicando as regras citadas nos apartados anteriores. Esta media incrementarase na porcentaxe de variación media do ano ou anos naturais anteriores ata chegar ao ano correspondente ao do período de exoneración de cotas.


  • A porcentaxe é variable en función dos anos de cotización á Seguridade Social, aplicándose unha escala que comeza co 50% aos 15 anos, aumentando un 3% por cada ano adicional comprendido entre o décimo sexto e o vixésimo quinto e un 2% a partir do vixésimo sexto ata alcanzar o 100% aos 35 anos.
ESCALA DE PORCENTAXES POR ANOS COTIZADOS
Anos de cotización Porcentaxe da
base reguladora
Aos 15 anos 50%
Aos 16 anos 53%
Aos 17 anos 56%
Aos 18 anos 59%
Aos 19 anos 62%
Aos 20 anos 65%
Aos 21 anos 68%
Aos 22 anos 71%
Aos 23 anos 74%
Aos 24 anos 77%
Aos 25 anos 80%
Aos 26 anos 82%
Aos 27 anos 84%
Aos 28 anos 86%
Aos 29 anos 88%
Aos 30 anos 90%
Aos 31 anos 92%
Aos 32 anos 94%
Aos 33 anos 96%
Aos 34 anos 98%
Aos 35 anos 100%

Os anos de cotización a ter en conta son os efectuados:

    • Ao Réxime Xeral da Seguridade Social.

    • Aos Réximes integrados, incluíndose os anteriores á implantación destes se foron computables para causar dereito ás prestacións neles previstas.

    • A outras Entidades de Previsión Social, que actúen como substitutivas das correspondentes ao réxime ou aos réximes que estean pendentes de integración.

    • As efectuadas ao Réxime de Clases Pasivas do Estado.

    • Ás Administracións Públicas e organismos dependentes delas con anterioridade a 1-1-59 polo persoal que non ostentaba a condición de funcionario.

  • Regras para o cómputo dos anos de cotización:

    Se as cotizacións son posteriores a 1-1-67, tomaranse todos os días efectivamente cotizados e o total de días dividirase por 365 para obter o número de anos cotizados. A fracción de ano que poida resultar computarase coma un ano completo.

    Se existen cotizacións anteriores a 1-1-67,, o número de anos cotizados obtense dividindo por 365 o total de días cotizados (a fracción de ano, se existise, asimilarase a un ano completo) obtidos da suma das cotizacións seguintes:

    • Días cotizados no Réxime Xeral e noutros réximes a partir de 1-1-67.
    • Días cotizados ao Seguro de Vellez e Invalidez e Mutualismo Laboral entre 1-1-60 e 31-12-66, sempre que non se superpoñan.
    • Os días de bonificación que correspondan ao traballador, segundo os anos feitos en 1-1-67, sempre que acrediten cotizacións ao Seguro de Vellez e Invalidez e/ou Mutualismo Laboral, de acordo coa seguinte escala:

    ESCALA PARA ABOAMENTO DE ANOS E DÍAS DE COTIZACIÓN
    Idade en 1-1-67 Anos Días
    65 anos 30 318
    64 anos 30 67
    63 anos 29 182
    62 anos 28 296
    61 anos 28 46
    60 anos 27 161
    59 anos 26 275
    58 anos 26 25
    57 anos 25 139
    56 anos 24 254
    55 anos 24 4
    54 anos 23 118
    53 anos 22 233
    52 anos 21 347
    51 anos 21 97
    50 anos 20 212
    49 anos 19 326
    48 anos 19 76
    47 anos 18 191
    46 anos 17 305
    45 anos 17 55
    44 anos 16 169
    43 anos 15 284
    42 anos 15 34
    41 anos 14 148
    40 anos 13 263
    39 anos 13 12
    38 anos 12 127
    37 anos 11 242
    36 anos 10 356
    35 anos 10 106
    34 anos 9 220
    33 anos 8 335
    32 anos 8 85
    31 anos 7 199
    30 anos 6 314
    29 anos 6 64
    28 anos 5 178
    27 anos 4 293
    26 anos 4 42
    25 anos 3 157
    24 anos 2 272
    23 anos 2 21
    22 anos 1 136
    21 anos 0 250


  • A partir do 01-01-08, cando se acceda á pensión de xubilación a unha idade superior aos 65 anos (reais), sempre que ao cumprir esta idade se reunise o período mínimo de cotización esixido, recoñecerase ao interesado unha porcentaxe adicional por cada ano completo cotizado ou que se considere legalmente cotizado, entre a data en que cumpriu esta idade e a do feito causante da pensión.
  • Porcentaxe adicional:
    • O 2% por cada ano completo transcorrido dende a data en que se cumpriu 65 anos ata a data do feito causante da pensión.
    • O 3% cando o interesado acreditase, polo menos, corenta anos de cotización ao cumprir 65 anos.
  • A porcentaxe adicional obtida sumarase ao que, con carácter xeral, corresponda ao interesado de acordo cos anos cotizados. A porcentaxe resultante aplicarase á BR a efectos de determinar a contía da pensión, que non poderá ser superior, en ningún caso, ao límite máximo establecido para as pensións contributivas na correspondente LPGE.
  • Se a contía da pensión recoñecida alcanza o límite máximo sen aplicar a porcentaxe adicional ou aplicándoo só parcialmente, o interesado percibirá:
    • A pensión polo importe máximo.
    • Ademais, terá dereito a percibir anualmente unha cantidade que se obterá aplicando ao importe máximo vixente en cada momento a porcentaxe adicional non utilizada para determinar a contía da pensión, redondeado á unidade máis próxima por exceso. A citada cantidade devindicarase por meses vencidos e aboarase en catorce pagas.
  • A suma do seu importe e o da pensión ou pensións que tivera recoñecidas o interesado, en cómputo anual, non pode superar a contía do tope máximo da base de cotización vixente en cada momento, tamén en cómputo anual.
  • Este beneficio non será de aplicación nos supostos de xubilación parcial nin de xubilación flexible.

(*) Exoneración de cotas de traballadores con 65 ou máis anos:

Os empresarios e traballadores quedarán exentos de cotizar á Seguridade Social por desemprego, Fondo de Garantía Salarial, formación profesional e por continxencias comúns, agás por incapacidade temporal derivada das mesmas, respecto daqueles traballadores por conta allea con contratos de traballo de carácter indefinido, así como dos socios traballadores ou de traballo das cooperativas, sempre que teñan feitos 65 ou máis anos de idade e acrediten 35 ou máis anos de cotización efectiva á Seguridade Social, sen que se computen a estes efectos as partes proporcionais de pagas extraordinarias.

Se ao facer os 65 anos de idade o traballador non tivese cotizados 35 anos, a exención será aplicable a partir da data na que se acrediten os 35 anos de cotización efectiva.

As exencións non serán aplicables ás cotizacións relativas a traballadores que presten os seus servizos nas Administracións públicas ou nos Organismos públicos regulados no Título III da Lei 6/1997, de 14 de abril, de organización e funcionamento da Administración Xeral do Estado.

Copyright © Seguridad Social 1995. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal.

Icona de conformidade cos estándares AA Icona de conformidade cos estándares HTML 4.0. Icona de conformidade cos estándares CSS