MINISTERIO
DE EMPLEO
Y SEGURIDAD SOCIAL

Seguridade Social

Escudo de España ao carón do logotipo do Ministerio de Emprego e Seguridade Social con ligazón á súa páxina web. Ligazón nunha nova ventá. Logotipo da Seguridade Social con enlace á páxina de inicio
Información Lingüística

Traballadores

Estás en: Inicio » Traballadores » Prestacións / Pensións de Traballadores » Xubilación » Réxime Xeral » Xubilación flexible

Xubilación flexible



Será de aplicación a todos os Réximes da Seguridade Social, agás aos Réximes Especiais dos Funcionarios Civís do Estado, das Forzas Armadas e do persoal ao servizo da Administración de Xustiza.



  • Considérase como situación de xubilación flexible a derivada da posibilidade de compatibilizar, unha vez causada, a pensión de xubilación cun contrato a tempo parcial, dentro dos límites de xornada a que se refire o art. 12.6 do |ET,  coa consecuente minoración daquela en proporción inversa á redución aplicable á xornada de traballo do pensionista, en relación á dun traballador a tempo completo comparable.
  • A estes efectos, enténdese por "traballador a tempo completo comparable" a un traballador a tempo completo da mesma empresa e centro de traballo, co mesmo tipo de contrato de traballo e que realice un traballo idéntico ou similar. Se na empresa non houbese ningún traballador comparable a tempo completo, considerarase a xornada a tempo completo prevista no convenio colectivo aplicable ou, no seu defecto, a xornada máxima legal.
  • A partir do 01-01-08, os límites de redución de xornada quedaron fixados entre un mínimo do 25% e un máximo do 75%, de aplicación transitoria ata 2012:
    • No ano 2008, o 85% (25% a 85%).
    • No ano 2009, o 82% (25% a 82%).
    • No ano 2010, o 80% (25% a 80%).
  • Eliminado o período transitorio por Real Decreto-lei 8/2010, do 20 de maio, os límites de redución de xornada quedan establecidos, a partir do 25-05-10, entre un mínimo do 25% e un máximo do 75%.


  • O pensionista de xubilación, antes de iniciar as actividades realizadas mediante contrato a tempo parcial, deberá comunicar tal circunstancia á Entidade xestora respectiva.
    • O importe da pensión a percibir reducirase en proporción inversa á redución da xornada de traballo realizada polo pensionista, en relación á dun traballador a tempo completo comparable.
    • A minoración da contía da pensión terá efectos dende o día no que comece a realización das actividades.
  • A falta de comunicación nos termos indicados terá como efectos:
    • O carácter indebido da pensión, no importe correspondente á actividade a tempo parcial, dende a data de inicio das correspondentes actividades.
    • A obriga de reintegro do indebidamente percibido, sen prexuízo das sancións que procedan de acordo co previsto na Lei sobre infraccións e sancións na orde social.


  • A pensión de xubilación flexible será incompatible coas pensións de incapacidade permanente que puidesen corresponder pola actividade desenvolvida, con posterioridade ao recoñecemento da pensión de xubilación, calquera que sexa o Réxime no que se causen aquelas.

  • A percepción da pensión de xubilación flexible será compatible coas prestacións de incapacidade temporal ou de maternidade, derivadas da actividade efectuada  a tempo parcial. 


As cotizacións efectuadas nas actividades realizadas, durante a suspensión parcial da percepción da pensión de xubilación, producirán efectos para a mellora da pensión, unha vez producido o cesamento no traballo.

A estes efectos, unha vez comunicado o cesamento na realización das actividades á Entidade xestora competente, restablecerase a percepción íntegra da pensión de xubilación, previo recálculo da súa contía conforme ás regras seguintes:

  • Procederase a calcular de novo a base reguladora, mediante o cómputo das novas cotizacións e aplicando as regras vixentes no momento do cesamento na actividade, agás que a aplicación do establecido nesta regra dese como resultado unha redución do importe da base reguladora anterior, en cuxo caso, se manterá esta última, aínda que aplicando á contía da pensión as revalorizacións habidas dende a data de determinación da base reguladora ata a do cesamento no traballo.
  • As cotizacións efectuadas, tras a minoración do importe da pensión de xubilación:
    • Darán lugar á modificación da porcentaxe aplicable á base reguladora, en función do novo período de cotización acreditado.
    • Producirán efectos para diminuír ou, no seu caso, suprimir o coeficiente redutor que se aplicase, no momento de causar o dereito á pensión de xubilación anticipada por ter ou non a condición de mutualista.
  • Se o traballador falecese durante a situación de xubilación flexible, a efectos do cálculo das prestacións por morte e supervivencia que correspondan, os beneficiarios poderán optar por que aquelas se calculen:
    • Dende a situación de activo do causante.
    • Ou, no seu caso, dende a situación de pensionista. Neste suposto, tomarase como base reguladora a que serviu para a determinación da pensión de xubilación, aplicándose as revalorizacións habidas dende o momento no que se determinou a correspondente base reguladora.


Durante a percepción da pensión de xubilación flexible, os titulares da mesma manterán a condición de pensionista a efectos de recoñecemento e percepción das prestacións sanitarias.



Copyright © Seguridad Social 1995. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal.

Icona de conformidade cos estándares AA Icona de conformidade cos estándares HTML 4.0. Icona de conformidade cos estándares CSS