
MINISTERIO
DE EMPLEO
Y SEGURIDAD SOCIAL
Contenido
Traballadores
Estás en: Inicio » Traballadores » Prestacións / Pensións de Traballadores » Xubilación » Réxime Xeral » Xubilación anticipada por ter a condición de mutualista » Contía
Contía
A contía da pensión obtense aplicando á base reguladora a porcentaxe que resulte, en función dos anos cotizados, segundo a escala establecida ao efecto.
A porcentaxe da base reguladora que corresponda de acordo cos anos de cotización verase diminuída pola aplicación dos seguintes coeficientes redutores:
- Cando o traballador acceda á pensión desde un cesamento voluntario no traballo, a contía da pensión reducirase nun 8% por cada ano ou fracción de ano que, no momento do feito causante, lle falte para facer 65 anos, segundo a seguinte escala:
- Aos 60 anos de idade: 0,60.
- Aos 61 anos de idade: 0,68.
- Aos 62 anos de idade: 0,76.
- Aos 63 anos de idade: 0,84.
- Aos 64 anos de idade: 0,92.
- Cando o traballador acredite máis de 30 anos completos de cotización e acceda á pensión desde un cesamento no traballo, por causa non imputable ao traballador (cese involuntario), as porcentaxes de redución da contía da pensión serán as seguintes en función dos anos completos cotizados:
- Entre 30 e 34 anos de cotización acreditados: 7,5 %.
- Entre 35 e 37 anos de cotización acreditados: 7,0 %.
- Entre 38 e 39 anos de cotización acreditados: 6,5 %.
- Con 40 ou máis anos de cotización acreditados: 6,0 %.
Para estes efectos, entenderase por libre vontade do traballador a inequívoca manifestación de vontade de quen, coa posibilidade de continuar a súa relación laboral e sen que exista ningunha razón obxectiva que a impida, decide poñerlle fin. Considerarase en todo caso que o cesamento na relación laboral se produciu de xeito involuntario cando a causa de extinción fose algunha das previstas no art. 208.1.1 da Lei xeral da Seguridade Social (LGSS).Tamén serán de aplicación estas porcentaxes, sempre que a relación laboral se extinguise por algunha das causas antes indicadas:
- Aos beneficiarios da prestación de desemprego, cando esta se extinga por esgotamento do prazo de duración da prestación ou por pasar a ser pensionista de xubilación, de conformidade co sinalado nas letras a) e f), apartado 1, do artigo 213 da LGSS.
Aos beneficiarios do subsidio por desemprego, de nivel asistencial, maiores de 52 anos.
Aos traballadores maiores de 52 anos que non reúnan os requisitos para acceder ao subsidio por desemprego de maiores desta idade, unha vez esgotada a prestación por desemprego, e continúen inscritos coma demandantes de emprego nas oficinas do servizo público de emprego.
Para o cómputo dos 30 anos ou máis de cotización que deben acreditarse nos distintos supostos citados, aplicaranse as normas establecidas para a determinación da contía da pensión de xubilación ordinaria.
Mellora das pensións de xubilación anticipada causadas con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2002. Así, os traballadores que con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2002 causaran dereito á pensión de xubilación anticipada con condición de mutualista (xa sexa no réxime xeral ou nos réximes especiais), cando a idade que en cada caso se tivese en conta para a aplicación dos correspondentes coeficientes redutores estivese comprendida entre os 60 e os 64 anos ambos inclusive, terán dereito a unha mellora da súa pensión, con efectos desde o 1 de xaneiro de 2007, sempre que da documentación en poder da Administración da Seguridade Social se deduza que reúnen os seguintes requisitos:
- Acreditación dun mínimo de 35 anos de cotización.
- Causa de extinción do contrato de traballo do que derivase o acceso á xubilación anticipada non imputable á libre vontade do traballador, comprendida entre os supostos recollidos no artigo 208.1.1 da LGSS.
A mellora da pensión consistirá nun incremento do seu importe íntegro mensual, variable segundo a idade do traballador tida en conta para a determinación do coeficiente redutor da porcentaxe aplicable á base reguladora da pensión, conforme os seguintes tramos:
- Con 60 anos: 63 euros mensuais.
- Con 61 anos: 54 euros mensuais.
- Con 62 anos: 45 euros mensuais.
- Con 63 anos: 36 euros mensuais.
- Con 64 anos: 18 euros mensuais.
O importe correspondente, que se aboará en 14 pagas, recoñecerase como variación da contía da pensión de xubilación e integrarase nela para todos os efectos, incluída a aplicación do límite máximo, e sen prexuízo, de ser o caso, da absorción do complemento por mínimos que se viñese percibindo. Cando se trate de pensións recoñecidas ao amparo de normas internacionais, para fixar o importe do incremento mensual aplicaranse as regras das devanditas normas sobre determinación e cálculo da contía das pensións.
A entidade xestora recoñecerá de oficio ou por pedimento de parte o dereito a esta mellora no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte ao da publicación no BOE da Lei de medidas en materia de Seguridade Social (6 de decembro de 2007) de acordo coa información contida na base de datos de prestacións da Seguridade Social e no ficheiro xeral de afiliación, que acreditarán respectivamente os anos de cotización cumpridos e o carácter involuntario do cesamento no traballo.
Información Relacionada
Pie
Copyright © Seguridad Social 1995. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal.





