MINISTERIO
DE EMPLEO
Y SEGURIDAD SOCIAL

Seguridade Social

Escudo de España ao carón do logotipo do Ministerio de Emprego e Seguridade Social con ligazón á súa páxina web. Ligazón nunha nova ventá. Logotipo da Seguridade Social con enlace á páxina de inicio
Información Lingüística
Buscador avanzado

Traballadores

Contía


A prestación consiste nun subsidio cuxa contía está en función da base reguladora (BR) e das porcentaxes aplicables á mesma.



Norma xeral:

É o resultado de dividir o importe da base de cotización do traballador no mes anterior ao da data de iniciación da incapacidade polo número de días a que a devandita cotización se refire (este divisor será concretamente: 30, se o traballador ten salario mensual; 30, 31 ou 28, 29 se ten salario diario).

Non obstante, se o traballador ingresa na empresa no mesmo mes en que se inicia a incapacidade, tomarase para a BR a base de cotización do devandito mes, dividida polos días efectivamente cotizados. Tamén tomará como divisor os días efectivamente cotizados, cando o traballador non permaneceu en alta durante todo o mes natural anterior.

Nos supostos de accidente de traballo ou enfermidade profesional:

A BR obtense por adición de dous sumandos:

  • A base de cotización por continxencias profesionais do mes anterior, sen horas extraordinarias, dividida polo número de días a que corresponda a devandita cotización.
  • A cotización por horas extraordinarias do ano natural anterior, dividida entre 365 días.

. No caso de pluriemprego:

Calcúlase computando todas as bases de cotización nas distintas empresas con aplicación do tope máximo vixente para os efectos de cotización.

No caso dos traballadores contratados a tempo parcial, calquera que sexa a duración da prestación de servizos:

  • A BR diaria será o resultado de dividir a suma das bases de cotización a tempo parcial acreditadas dende a última alta laboral, cun máximo de 3 meses inmediatamente anteriores ao do feito causante, entre o número de días naturais comprendidos no período.

    A prestación aboarase durante todos os días naturais en que o interesado se encontre na situación de incapacidade temporal.

    O anterior non afectará o cómputo do período máximo de duración da situación de incapacidade temporal (IT), que, en todo caso, se realizará por referencia ao número de días naturais de permanencia nesta.
  • Cando por interrupción da actividade, asuma a Entidade xestora ou colaboradora o pagamento da prestación, calcularase de novo a base reguladora:
    • A nova BR diaria será o resultado de dividir a suma das bases de cotización acreditadas na empresa durante os 3 meses inmediatamente anteriores á data do feito causante entre o número de días naturais comprendidos no devandito período.
    • De ser menor a antigüidade do traballador na empresa, a BR será o resultado de dividir a suma das bases de cotización acreditadas entre o número de días naturais a que estas correspondan.

      O subsidio aboarase durante todos os días naturais en que o interesado se encontre en situación de IT.
  • Cando, por extinción do contrato de traballo, o pagamento da prestación sexa asumido directamente pola Entidade xestora ou colaboradora, a contía da prestación será equivalente á que correspondería por desemprego.

No caso de contratos para a formación e aprendizaxe/persoal investigador en formación:

  • A BR será a base mínima de cotización do Réxime Xeral, se se trata de traballador con contrato para a formación e a aprendizaxe.
  • A BR será a base mínima correspondente ao grupo 1 de cotización ao Réxime Xeral, se se trata de persoal investigador en formación.

En caso de traballadores dos sectores de artistas e profesionais taurinos, calquera que sexa a continxencia da que derive:

A BR será a que resulte de dividir por 365 a cotización anual total anterior ao feito causante ou a media diaria do período de cotización que se acredite, se este é inferior ao ano. 

No caso dos traballadores incluídos no Sistema especial para traballadores por conta allea agrarios:

A partir do 01-01-2012, durante a situación de IT derivada de enfermidade común e nos termos regulamentariamente establecidos, a contía da BR non poderá ser superior á media mensual da base de cotización médica correspondente aos días efectivamente traballados durante os últimos 12 meses anteriores á baixa médica.

No caso dos traballadores incluídos no Sistema especial para empregados de fogar:

A BR estará constituída pola base de cotización correspondente ao mes anterior ao da baixa médica, dividida entre 30. A devandita base manterase durante todo o proceso de IT, incluídas as correspondentes recaídas, agás que se produza un cambio na base única de cotización, en cuxo caso se terá en conta esta última. 



En caso de enfermidade común e accidente non laboral: 
  • 60% dende o día 4 ata o 20 inclusive.
  • 75% dende o día 21 en adiante.
    En caso de accidente de traballo e enfermidade profesional: 
    • 75% dende o día no que se produza o nacemento do dereito.


Cando o traballador estea en situación de incapacidade temporal (IT) derivada de continxencias comúns e se extinga o seu contrato durante ese período:

  • Seguirá a percibir a prestación por IT en contía igual á prestación de desemprego que lle corresponda ata que se extinga esta situación, pasando entón á situación legal de desemprego se o contrato se extinguiu por algunha das causas legais que dan lugar a esta situación  e a percibir, se reúne os requisitos necesarios, a prestación por desemprego contributivo que lle corresponda, de terse iniciada a percepción da mesma na data de extinción do contrato de traballo ou o subsidio por desemprego. En tal caso, do período de percepción da prestación de desemprego, descontarase como xa consumido o tempo que permaneza na situación de IT a partir da data de extinción do contrato de traballo.
  • O SPEE  efectuará as cotizacións á Seguridade Social asumindo a cotización que corresponda ao traballador na súa totalidade por todo o período que se desconte como consumido, mesmo cando non se solicitara a prestación por desemprego e sen solución de continuidade se pase ás situacións de incapacidade permanente ou xubilación ou se produza o falecemento do traballador que dea dereito a prestacións de morte e supervivencia. 

Cando o traballador estea en situación de IT derivada de continxencias profesionais e durante a mesma se extinga o seu contrato de traballo:

  • Seguirá a percibir a prestación por IT, en contía igual á que tivera recoñecida, ata que se extinga esta situación, e logo pasará á situación legal de desemprego e a percibir a correspondente prestación por desemprego se reúne os requisitos necesarios. Neste caso, non procede descontar do período de percepción da mesma o tempo que permanecese en situación de IT tras a extinción do contrato ou o subsidio por desemprego.


Cando o traballador estea a percibir a prestación por desemprego total e pase á situación de incapacidade temporal (IT), hai que distinguir:

  • Nos casos nos que a IT constitúa recaída dun proceso anterior iniciado durante a vixencia dun contrato de traballo:

    • Percibirá a prestación por IT en contía igual á prestación por desemprego.
    • Neste caso e no suposto de que continuase en situación de IT unha vez esgotado o período de desemprego, seguirá a percibir a prestación por IT na contía de desemprego que viña a percibir.
  • Nos casos nos que a IT non constitúa recaída dun proceso anterior iniciado durante a vixencia dun contrato de traballo, senón un novo proceso:

    • Percibirá a prestación por esta continxencia en contía igual á prestación por desemprego.
    • Neste caso e no suposto de que continuase en situación de IT unha vez finalizado o período de desemprego, seguirá a percibir a prestación por IT en contía igual ao 80% do IPREM mensual, excluída a parte proporcional de pagas extras.

  • Non se ampliará o período de percepción de desemprego.

  • A Entidade xestora das prestacións por desemprego continuará a satisfacer as cotizacións á Seguridade Social (a achega da empresa e o complemento do 35% en que se reduce a achega do traballador). 

                              



Copyright © Seguridad Social 2018. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal