Ir a Contido

Aula da Seguridade Social

Área de profesores
Está vostede en: Inicio  >  Área de profesores  >  Glosario de termos

Contido

Glosario de termos

A

Abandonados (fillos)

Os menores de 18 anos, ou maiores con minusvalía igual ou superior ao 65 %, e foran abandonados por seus pais, sempre que non se atopen en réxime de acollemento familiar, poden ser beneficiarios da asignación económica por fillo ou menor acollido a cargo.

Accidente de traballo

Enténdese por accidente de traballo toda lesión corporal que o traballador sufra con ocasión ou por consecuencia do traballo que execute por conta allea. No traballo por conta propia dos Réximes Especiais Agrario, de traballadores autónomos e de traballadores do Mar, entenderase coma accidente de traballo o ocorrido como consecuencia directa e inmediata do traballo que realiza pola súa propia conta e que determina a súa inclusión no campo de aplicación do réxime especial. A lei establece, ademais, diversas consideracións e presuncións para determinar o concepto de accidente de traballo.

Accidente non laboral

Lesión ou alteración da saúde derivada de accidente sempre que este non sexa consecuencia do traballo realizado. Correspóndelle a acción protectora na mesma forma que na enfermidade común, sen esixencia de período previo de cotización, salvo para acceder a pensións de incapacidade permanente absoluta ou gran invalidez, ou de morte e supervivencia, dende situacións de non-alta.

Acción civil

Dereito subxectivo público, anterior ao proceso, a unha tutela xurisdicional específica, e referido a un interese xurídico concreto, que conceden as leis para pedir a intervención dos órganos competentes do Poder Xudicial.

Acción positiva

En Dereito comunitario, medidas dirixidas a un grupo determinado, coas que se pretende suprimir e previr unha discriminación ou compensar as desvantaxes resultantes de actitudes, comportamentos e estruturas existentes (denominadas, ás veces, “discriminación positiva”).

Acción protectora

Comprende o conxunto de prestacións, en cartos ou en especie, que o Sistema da Seguridade Social establece para prever, reparar ou superar os estados de necesidade nacidos ou derivados das continxencias ou situacións sufridas polos suxeitos protexidos e determinadas na Lei.

Achega do Estado

Recursos económicos previstos na lei e incluídos nos orzamentos xerais para o sostemento das cargas da Seguridade Social ou para atencións especiais por esixencias da conxuntura.

Achegas a Servizos Comúns e Sociais

As que cada mutua de accidentes de traballo e enfermidades profesionais efectúa para o sostemento dos servizos comúns e sociais da Seguridade Social e que a Tesourería Xeral da Seguridade Social deduce ao transferir a cada mutua a recadación das cotas mensuais que lle corresponden. Determínase mediante a aplicación a estas cotas dun coeficiente que anualmente fixa o Ministerio de Traballo e Inmigración. As empresas colaboradoras ingresan estas achegas xunto coas cotas.

Acollemento

Institución que ten coma fin a protección necesaria para a garda dos menores en situación de desamparo, ou por solicitude de pais e titores, en circunstancias graves. É unha das situacións protexidas, mediante o subsidio por maternidade, durante os períodos de descanso dos que con motivo do acollemento gozan os traballadores, aboándose o equivalente ao 100% da base reguladora. Protéxese tanto o acollemento preadoptivo coma o permanente, e mesmo o provisional.

Acta de infracción

Documento segundo modelo oficial que inicia o procedemento sancionador, redactado pola Inspección de Traballo e Seguridade Social, no que se constatan determinados feitos con incumprimentos de normas laborais ou de Seguridade Social.

Acta de liquidación

Documento redactado pola Inspección de Traballo e Seguridade Social que inicia a tramitación de expedientes liquidatorios por débedas de Seguridade Social (faltas de afiliación e alta, diferenzas de cotización, etc.).

Actividade económica

Cada un dos distintos códigos representativos da actividade realizada, recollidos na clasificación nacional de actividades económicas (CNAE-93)

Adopción

Acto xurídico polo que se concede a patria potestade sobre un menor, creando vínculos xurídicos de parentesco análogos á filiación.

Afiliación

Inscrición do traballador no Rexistro da  Seguridade Social, obrigatoria para as persoas incluídas no seu campo de aplicación e única para a vida das mesmas para todo o sistema, sen prexuízo das altas e as baixas nos distintos réximes que a integran.

Afiliado

Persoa identificada cun número de Seguridade Social que iniciou unha actividade encadrable nun réxime do Sistema da Seguridade Social.

Agravación da incapacidade permanente

Ata que o incapacitado permanente faga os 65 anos, (agás que a causa da incapacidade proveña de enfermidade profesional), a Administración, o interesado, as entidades colaboradoras ou os empresarios responsables das prestacións, poden promover a revisión por agravación do estado incapacitante, conforme ao procedemento establecido.

Alta

Comunicación á Tesourería Xeral da Seguridade Social da incorporación dun traballador a unha actividade que o converte nun suxeito protexido do Sistema de Seguridade Social.

Alta de oficio

A que se produce como consecuencia dunha actuación inspectora.

Alta inicial

A que establece a primeira relación do traballador co Sistema da Seguridade Social.

Alta médica

Declaración médica, mediante o parte médico de alta, nas situacións de incapacidade temporal, tras o recoñecemento do traballador, que establece a plena aptitude para o traballo. Tamén se producen altas médicas de asistencia sanitaria ou ao esgotamento do prazo máximo de duración da incapacidade temporal, aos efectos de iniciar a instrución dun procedemento de incapacidade permanente. O parte médico de alta é expedido polo facultativo do Servizo Público de Saúde, do INSS ou da Mutua de Accidentes de Traballo e Enfermidades Profesionais da Seguridade Social.

Alta na Seguridade Social

Comunicación obrigatoria que debe facer o empresario, respecto dos traballadores ao seu servizo ou no seu caso o  traballador, ante a Seguridade Social cando un traballador ingresa na empresa, ou inicia o traballo por conta propia, respectivamente.

Alta sucesiva

A que se produce cada vez que o traballador reinicia a súa actividade laboral nunha ocupación que obriga á inclusión no Sistema da Seguridade Social.

Anticipo de prestacións

As Entidades xestoras, Mutuas de Accidentes de Traballo e Enfermidades Profesionais ou, no seu caso, os Servizos comúns proceden, de acordo coas súas respectivas competencias, ao pagamento das prestacións aos beneficiarios nos casos así determinados regulamentariamente, coa conseguinte subrogación nos dereitos e accións destes beneficiarios; o indicado pagamento procede, aínda cando se trate de empresas desaparecidas ou daquelas que pola súa especial natureza non poidan ser obxecto de procedemento de prema. Igualmente, as mencionadas Entidades, Mutuas e Servizos asumen o pagamento das prestacións, na medida na que se atenúe o alcance da responsabilidade dos empresarios respecto a este pagamento. O anticipo das prestacións, en ningún caso, poderá exceder da cantidade equivalente a dúas veces e media o importe do salario mínimo interprofesional vixente no momento do feito causante ou, no seu caso, do importe do capital custo necesario para o pagamento anticipado, co límite indicado polas Entidades xestoras, Mutuas ou Servizos.

Aprazamento de cotas

Aprazamento de Pagamento: É un sistema de pagamento das débedas da Seguridade Social fóra do prazo regulamentario de ingreso, suxeito a intereses, e que permite considerar aos interesados, en tanto cumpran as condicións para a súa efectividade, ao corrente respecto das mesmas.

Asignación económica por fillo ou menor acollido a cargo

Prestación familiar, de modalidade non contributiva, de carácter económico, que se recoñece en determinadas condicións, por cada fillo menor de 18 anos ou, cando sendo maior desta idade, está afectado por unha minusvalía, nun grao igual ou superior ao 65 por 100, a cargo do beneficiario, calquera que sexa a natureza legal da filiación daquel, así como polos menores acollidos, en acollemento familiar, permanente ou preadoptivo.

Asimilación de categorías profesionais

Resolución contida na Orde de 25-6-63 pola que se asimilaron as categorías profesionais existentes naquela data nas distintas Regulamentacións de Traballo aos Grupos de Cotización establecidos no Decreto 56/1963, de 17 de xaneiro (BOE nº 17). Cando por convenio colectivo ou por norma se crea unha categoría profesional solicítase e obtense desta Tesourería Xeral a asimilación adecuada.

Asistencia sanitaria

Dereito dos traballadores e pensionistas e dos seus familiares a cargo, incluídos, no seu caso, os acollidos de feito, a recibir tratamento médico e farmacéutico, coas condicións, contido, modalidades e duración que establecen as normas. É dispensada polos correspondentes Servizos Públicos de Saúde das Comunidades Autónomas e polo Instituto Nacional de Xestión Sanitaria en Ceuta e Melilla. Tamén teñen dereito á asistencia sanitaria as persoas sen recursos suficientes e os estranxeiros, neste último caso coas condicións establecidas na Lei reguladora dos dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social.

Asistencia Sanitaria concertada

Asistencia Sanitaria prestada por entidades públicas ou privadas en virtude de concerto cos Organismos da Administración de Seguridade Social e aprobados polos Departamentos Ministeriais competentes.

Asistencia xurídica gratuíta

Dereito a participar gratuitamente nos preitos laborais e de Seguridade Social por parte dos traballadores, beneficiarios, Entidades Xestoras e outras persoas, nos termos recoñecidos polas leis.

Audiencia do interesado

Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, ponse de manifesto ao interesado para que poida efectuar as súas alegacións e presentar os documentos e xustificantes que estime pertinentes, nun prazo non inferior a dez días nin superior a quince. Nalgúns casos, o dereito a determinadas informacións ou datos contidos no expediente non pode ser exercido. Considérase realizado o trámite se, antes do vencemento do prazo, o interesado manifesta a súa decisión de non efectuar alegacións nin achegar novos documentos ou xustificacións e, así mesmo, poderase prescindir do trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin sexan tidos en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións e probas máis que as aducidas polo interesado.

Auto xudicial

Resolución dos Xuíces ou Tribunais que decide recursos contra providencias, cuestións incidentais, orzamentos procesuais, nulidade do procedemento ou cando as leis procesuais o establezan. Serán sempre fundados e conterán en parágrafos separados e numerados os feitos e fundamentos de dereito e a parte dispositiva, debendo firmalos o Xuíz ou o Maxistrado ou Maxistrados que o diten.

Autónomos

Traballadores por conta propia, sexan ou non titulares de empresas individuais, ou familiares dos mesmos maiores de 18 anos, que reúnan os requisitos que de modo expreso se determinan regulamentariamente.

Autoridade competente

Designa, para cada Estado membro, o ministro, os ministros ou calquera outra autoridade correspondente da cal dependan, para o conxunto do territorio do Estado de que se trate, os réximes de Seguridade Social.

Auxilio por defunción

É unha das prestacións por morte e supervivencia, consistente nunha cantidade a tanto alzado de 30,05 euros, para facer fronte aos gastos de enterro a quen os soportase. Presúmese, agás proba en contrario, que estes gastos foron satisfeitos por esta orde: polo cónxuxe supervivente, fillos e parentes do falecido que convivisen con el habitualmente.

Axuda equivalente a xubilación anticipada

Ten por obxecto permitir ao traballador, aínda sen ter feito a idade ordinaria para acceder á pensión de xubilación, percibir unha contía igual á pensión que lle correspondería se tivese a idade para obtela ao producirse a situación de desemprego. Concédese nos supostos de regulación de emprego levados a cabo en empresas sometidas a plans de reconversión. Teñen natureza colectiva e son de financiamento mixto.

Axudas asistenciais

Auxilios económicos en atención a estados ou situacións de necesidade.

Copyright © Seguridade Social 2018. Todos os dereitos reservados.