MINISTERIO
DE EMPLEO
Y SEGURIDAD SOCIAL

Seguridade Social

Escudo de España ao carón do logotipo do Ministerio de Emprego e Seguridade Social con ligazón á súa páxina web. Ligazón nunha nova ventá. Logotipo da Seguridade Social con enlace á páxina de inicio
Información Lingüística
Buscador avanzado

Glosario

Estás en: Inicio » Glosario


  • Recadación
    Actividade financeira pola que a Tesourería Xeral da Seguridade Social percibe nas Oficinas Recadadoras autorizadas, mediante a presentación dos documentos de cotización e o ingreso do líquido da débeda, o importe das cotas. É recadación voluntaria cando se realiza no prazo regulamentario, ou fóra del, pero antes do inicio da vía executiva. É recadación executiva a que se efectúa despois do inicio da vía executiva polo transcurso dos prazos preceptivos sen ingreso.
  • Recargas (das débedas)
    Porcentaxes que incrementan o importe das débedas coa Seguridade Social cando non se ingresasen no prazo regulamentario establecido. A porcentaxe da recarga variará en función do momento do ingreso efectivo das débedas polos suxeitos responsables e de que estes presenten ou non os documentos de cotización dentro do prazo regulamentario.
  • Recargo nas prestacións
    É a porcentaxe de incremento (entre un 30 e un 50 por 100) que recae sobre as prestacións económicas derivadas de riscos profesionais, por ter existido falta de medidas de prevención de riscos laborais establecidas nas normas da orde social. O responsable do recargo é o empresario infractor.
  • Reclamación de débeda
    Reclamación formal emitida pola Tesourería Xeral da Seguridade Social e dirixida ao suxeito responsable do pagamento das cotas ou outros recursos, cando o prazo regulamentario de ingreso venceu sen verificarse o pagamento. O importe reclamado experimenta o incremento da recarga (de mora) correspondente.
  • Reclamación previa
    Escrito presentado ante a Administración da Seguridade Social, con carácter previo (a acudir) á vía xudicial, no que se solicita a modificación ou revogación dun acto administrativo.
  • Reconvención
    Pretensión que formula o demandado contra o actor, aproveitando a oportunidade do proceso iniciado por este. Interponse ao tempo de contestar a demanda, mais é unha acción independente, pasando o demandado a ser demandante contra o primitivo actor.
  • Recurso
    Reclamación que se fai ante un órgano administrativo, ou ante un xuíz ou tribunal, que ditou unha resolución, ou ante outro superior, por non estar conforme con ela, co fin de que se reforme ou revoque.
  • Regulamento comunitario
    Norma de alcance xeral, obrigatoria en todos os seus elementos e directamente aplicable en cada Estado membro. Produce efectos sen a intervención das autoridades nacionais e pode ser alegado polos particulares nas súas relacións xurídicas.
  • Reintegro
    Obriga de devolver o importe das prestacións percibidas indebidamente polos beneficiarios. Esta obriga prescribe aos 4 anos, contados a partir do seu cobro, ou dende que foi posible exercitar a acción para esixir a súa devolución.
  • Renda activa de inserción
    Dentro da acción protectora por desemprego e co réxime financeiro e de xestión determinado para aquela pola Lei Xeral da Seguridade Social, estableceuse unha axuda específica denominada renda activa de inserción, dirixida aos desempregados con especiais necesidades económicas e dificultade para atopar emprego que adquiran o compromiso de realizar actuacións favorecedoras da súa inserción laboral.
  • Repartición
    Sistema de financiamento da Seguridade Social conforme ao cal os ingresos e as cotizacións de todos os afiliados do Sistema cobren os gastos das prestacións e subsidios dos beneficiarios, en ciclos anuais.
  • Resolución administrativa
    Acto administrativo que decide as cuestións que presentan os interesados ante a Administración.
  • Resolución xudicial
    Acto dos tribunais e xulgados ditados no proceso, que reciben o nome de providencias, autos e sentencias.
  • Responsabilidade das prestacións
    Réxime xurídico a través do cal se determina o suxeito obrigado en cada caso ao pagamento dunha prestación. Por regra xeral a responsabilidade recae sobre a Entidade Xestora, Mutua de Accidentes de Traballo e Enfermidade Profesional, ou empresa colaboradora, cando houbo cumprimento dos requisitos esixidos. Non obstante, cando estes se incumpren (faltas de afiliación, alta e cotización) a responsabilidade pode imputarse tamén ao empresario incumpridor.
  • Responsabilidade social das empresas
    Integración voluntaria, por parte das empresas, das preocupacións sociais e medioambientais nas súas operacións empresariais e nas relacións cos seus interlocutores, que será fomentada polo Consello Estatal de Responsabilidade Social das Empresas.
  • Retiro Obreiro Obrigatorio
    Seguro Social de carácter obrigatorio, hoxe extinguido, creado en 1919, para asalariados entre 16 e 65 anos cuxa retribución non superase un determinado límite e no que se concibía a vellez coma invalidez por idade. En virtude de norma transitoria, quen figurase afiliado ao Retiro Obreiro Obrigatorio, conserva actualmente o dereito a causar as prestacións do Seguro Obrigatorio de Vellez e Invalidez (SOVI), conforme ás condicións esixidas pola lexislación do mesmo, e sempre que os interesados non teñan dereito a ningunha pensión con cargo aos Réximes que integran o Sistema da Seguridade Social.
  • Retroactividade
    Aplicación dunha lei nova a situacións anteriores á súa entrada en vigor, por resultar máis beneficiosa para o interesado.
  • Revalorización
    Actualización das pensións da Seguridade Social na súa modalidade contributiva, ao comezo de cada ano, en función do correspondente índice de prezos ao consumo previsto para este ano.
  • Revisión da incapacidade
    Novo exame e cualificación da incapacidade permanente, -promovido polo INSS, ou polo propio interesado, as entidades colaboradoras, os empresarios responsables das prestacións, os responsables subsidiarios ou solidarios-, por agravación, melloría ou erro do diagnóstico do estado invalidante, en tanto que o incapacitado non cumprise a idade de 65 anos.
  • Réximes da Seguridade Social
    A estrutura do Sistema da Seguridade Social está integrada polo Réxime Xeral e os Réximes Especiais establecidos para algunhas actividades profesionais pola súa natureza, as súas peculiares condicións de tempo e lugar, ou pola índole dos seus procesos produtivos. Na actualidade son Réximes Especiais os de Traballadores do Mar, Minaría do Carbón e Traballadores por conta propia ou Autónomos. Dentro deste último, existe un Sistema Especial para determinados traballadores agrarios por conta propia. Con efectos do 1 de xaneiro de 2012, incorporáronse ao Réxime Xeral como Sistemas Especiais os anteriores Réximes Especiais de Traballadores agrarios por conta allea e de Empregados de Fogar.
  • Rexistro de prestacións sociais públicas
    Rexistro unificado, cuxa xestión e funcionamiento corresponde ao INSS, no que se integran as prestacións sociais públicas de carácter económico, destinadas a persoas ou familias (xa sexan de clases pasivas do Estado, da Seguridade Social, das entidades substitutivas, de réximes de previsión de Comunidades Autónomas, Corporacións Locais, e en xeral de entes que se financien en todo ou en parte con recursos públicos), a efectos de determinar a súa incompatibilidade e a fixación de límites máximos. Anualmente, publícase o catálogo de organismos, entidades e empresas incluídas no Rexistro.
  • Risco durante a lactación natural
    Suspensión do contrato ou cesamento na actividade que dá lugar a unha prestación económica que consiste nun subsidio equivalente ao 100 por 100 da base reguladora, que será a establecida para a prestación de incapacidade temporal derivada de continxencias profesionais, para protexer a saúde da traballadora ou do feto durante o período de suspensión do contrato de traballo ou da actividade nos supostos en que, debendo a muller traballadora cambiar de posto de traballo por outro compatible co seu estado, este cambio de posto non resulte técnica ou obxectivamente posible, ou non poida razoablemente esixirse por motivos xustificados. Concédese nos mesmos termos e condicóns que a prestación por risco durante o embarazo, se ben se extinguirá cando o fillo faga nove meses.
  • Risco durante o embarazo
    Suspensión do contrato ou cesamento na actividade que dá lugar a unha prestación económica que consiste nun subsidio equivalente ao 100 por 100 da base reguladora, que será a establecida para a prestación de incapacidade temporal derivada de continxencias profesionais, para protexer a saúde da traballadora embarazada ou do feto durante o período de suspensión do contrato de traballo ou da actividade nos supostos en que, debendo a muller traballadora cambiar de posto de traballo por outro compatible co seu estado, este cambio de posto non resulte técnica ou obxectivamente posible, ou non poida razoablemente esixirse por motivos xustificados.

Copyright © Seguridad Social 2013. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal.