MINISTERIO
DE EMPLEO
Y SEGURIDAD SOCIAL

Seguridade Social

Escudo de España ao carón do logotipo do Ministerio de Emprego e Seguridade Social con ligazón á súa páxina web. Ligazón nunha nova ventá. Logotipo da Seguridade Social con enlace á páxina de inicio
Información Lingüística
Buscador avanzado

Glosario

Estás en: Inicio » Glosario


  • Pagamento delegado
    Forma de colaboración obrigatoria consistente no pagamento, por delegación da Entidade xestora, das prestacións correspondentes á incapacidade temporal.
  • Parella de feito
    A efectos das prestacións de morte e supervivencia, é a constituída, con análoga relación de afectividade á conxugal, por quen no se atopen impedidos para contraer matrimonio, no teñan vínculo matrimonial con outra persoa e acrediten, mediante o certificado de empadroamento, unha convivencia ininterrompida de, polo menos, os cinco anos inmediatamente anteriores ao falecemento. A existencia de parella de feito acreditarase mediante certificación da inscrición nalgún dos rexistros específicos existentes nas comunidades autónomas ou concellos do lugar de residencia ou mediante documento público no que conste a constitución desta parella. Tanto a mencionada inscrición como a formalización do correspondente documento público deberán terse producido cunha antelación mínima de dous anos con respecto á data do falecemento do causante.
  • Parte (de altas e baixas en Seguridade Social)

    Úsase na súa acepción de comunicación á Tesourería Xeral da Seguridade Social dalgunha circunstancia pola que un suxeito protexido establece, cesa ou varía a súa relación co Sistema da Seguridade Social, coa denominación de parte de alta, parte de baixa ou parte de variación. Realízase sempre nun modelo oficial establecido e editado pola Tesourería Xeral da Seguridade Social.

  • Parte médico
    (Véxase "Alta e Baixa médica")
  • Participación no control da xestión da Seguridade Social
    Intervención dos sindicatos e organizacións empresariais no control e vixilancia da xestión das Entidades Xestoras por órganos colexiados existentes a nivel estatal e provincial. (Véxase “Consello Xeral do INSS  e do ISM  e Comisións Executivas”).
  • Parto
    (Véxase “Descanso por maternidade”)
  • Paternidade
    (Véxase “Descanso por paternidade”)
  • Peche patronal
    Dereito polo que se permite ao empresario o peche do centro de traballo e, por tanto, a suspensión do contrato de traballo, o que suspende así mesmo as obrigas recíprocas de traballar e de percibir o salario e a cotización á Seguridade Social, entre outros dereitos. Os traballadores permanecen en situación de alta especial durante o peche patronal.
  • Pensión compensatoria por divorcio ou separación
    Compensación consistente nunha pensión temporal ou por tempo indefinido, ou nunha prestación única, segundo se determine no convenio regulador ou na sentencia, que se aboa ao cónxuxe ao que a separación ou o divorcio produza un desequilibrio económico en relación coa posición do outro, que implique un empeoramento na súa situación anterior no matrimonio.
  • Pensións
    Son prestacións económicas da Seguridade Social, de pagamento e de duración normalmente vitalicia ou ata que o beneficiario alcance unha idade predeterminada. Poden ser de modalidade contributiva (cando se recoñece o dereito en virtude das cotizacións efectuadas) e de modalidade non contributiva (cando se carece de rendas ou ingresos suficientes e se cumpren as restantes condicións establecidas pola lei).
  • Período mínimo de cotización
    Período esixido en xeral, agás excepcións, entre outros requisitos, para ter dereito ás prestacións da Seguridade Social. Denomínase tamén “período de carencia”.
  • Períodos de cotización asimilados por parto
    Para as pensiones contributivas de xubilación e de incapacidade permanente de calquera réxime da Seguridade Social, compútanse, a favor da traballadora solicitante da pensión, un total de 112 días completos de cotización por cada parto dun só fillo e de 14 días máis por cada fillo a partir do segundo, este incluído, se o parto fora múltiple, agás se, por ser traballadora ou funcionaria no momento do parto, se cotizara durante a totalidade das dezaseis semanas ou, se o parto fose múltiple, durante o tempo que corresponda.
  • Períodos de emprego
    En Dereito comunitario, os períodos definidos ou admitidos como tales pola lexislación baixo a cal fosen cubertos, así coma todos os períodos asimilados na medida na que sexan recoñecidos por esta lexislación como equivalentes aos períodos de emprego.
  • Períodos de seguro
    En Dereito comunitario, os períodos de cotización ou de emprego, definidos ou admitidos como períodos de seguro pola lexislación baixo a cal foron cubertos ou se consideran como cubertos, así como todos os períodos asimilados na medida na que sexan recoñecidos por esta lexislación como equivalentes aos períodos de seguro.
  • Permiso parental
    En Dereito comunitario, dereito individual - e, en principio, non transferible - de todos os traballadores, homes ou mulleres, a ausentarse do traballo por motivo de nacemento ou adopción dun fillo.  
  • Persoa a cargo
    Persoa que convive e depende economicamente do traballador ou beneficiario dunha prestación e que pode atribuír maior contía da referida prestación (por exemplo: complementos por mínimos nas pensións de xubilación e viuvez).
  • Plans de pensións
    Configúranse como institucións de previsión voluntaria e libre, que definen o dereito das persoas, a cuxo favor se constitúen, a percibir rendas ou capitais por xubilación, supervivencia, viuvez, orfandade ou invalidez; de carácter privado; poden ou non ser complemento do preceptivo sistema da Seguridade Social obrigatoria, ao que en ningún caso substitúen. A norma establece o principio de non discriminación, garantindo o acceso como partícipe dun plan a calquera persoa física que reúna as condicións de vinculación ou de capacidade de contratación.
  • Pluriactividade

    Situación do traballador que desenvolve o seu traballo en dúas ou máis actividades que obrigan á inclusión en distintos Réximes da Seguridade Social, polo que ha de considerarse se reúne os requisitos que cada Réxime teña establecidos.

  • Pluriemprego
    Situación do traballador que desenvolve a súa actividade en dúas ou máis empresas do mesmo Réxime. Tal situación debe comunicarse á Tesourería Xeral da Seguridade Social para que, se procede, efectúe a distribución dos límites de cotización entre as empresas afectadas.

    As persoas comprendidas no campo de aplicación do Sistema da Seguridade Social non poderán estar incluídas polo mesmo traballo, con carácter obrigatorio, noutros Réximes de Seguridade Social distintos dos que integran este Sistema.

  • Prazo regulamentario de ingreso
    É aquel no que o suxeito obrigado ao pagamento dunha débeda coa Seguridade Social debe proceder a dar cumprimento a esta obriga sen incorrer en mora. Forma parte do período voluntario de recadación.
  • Prelación de créditos
    Orde de preferencia na que deben aboarse os créditos de distintos acredores dun só debedor.
  • Prema
    Medio de execución forzosa dos actos administrativos, que conleva a prerrogativa da Administración derivada da executoriedade de tales actos. Permítese á Administración da Seguridade Social, nos casos en que deba aboarse unha cantidade líquida, a que recorra ao procedemento de recadación en vía executiva.
  • Prescrición
    Lapso de tempo, transcorrido o cal sen interrupción válida, extínguense os dereitos e as accións non exercitadas.
  • Prescrición de cotas
    Período de tempo preciso para a extinción da obriga de aboamento das cotas da Seguridade Social, cuxa duración é de catro anos.
  • Prescrición de prestacións
    O dereito ao recoñecemento das prestacións prescribe aos cinco anos dende o momento no que teña lugar o feito causante da prestación, sen prexuízo das excepcións determinadas na lei e de que os efectos de tal recoñecemento se produzan a partir dos tres meses anteriores á data na que se presente a solicitude. O dereito á xubilación e ás prestacións por morte e supervivencia, agás excepcións, é imprescritible.  
  • Prestación familiar de modalidade contributiva
    Prestación familiar que consiste en que os dous primeiros anos de excedencia que os traballadores gocen en razón do coidado de cada fillo ou de menor acollido, nos supostos de acollemento familiar permanente ou preadoptivo, aínda que estes sexan provisionais, terá a consideración de período de cotización efectiva, a efectos das correspondentes prestacións da Seguridade Social por xubilación, incapacidade permanente, morte e supervivencia, maternidade e paternidade. Este período considerado como de cotización efectiva terá unha duración de 30 meses se a unidade familiar da que forma parte o menor en razón de cuxo coidado se solicita a excedencia ten a consideración de familia numerosa categoría xeral, ou de 36 meses se ten a de categoría especial. O período que se considera como cotizado, a efectos das prestacións mencionadas, será dun ano, no caso de excedencia para o coidado doutros familiares.  
  • Prestación familiar por fillo ou menor acollido a cargo
    (Véxase “Asignación económica por fillo ou menor acollido a cargo”)
  • Prestación familiar por nacemento ou adopción de fillo, nos supostos de familias numerosas, monoparentais e nos casos de nais discapacitadas
    Prestación familiar económica de pagamento único a tanto alzado (1.000 euros) e de modalidade non contributiva, que ten por obxecto compensar, en parte, o aumento de gastos que produce o nacemento ou a adopción dun fillo nunha familia numerosa ou que, con tal motivo, adquira esta condición, nunha familia monoparental ou nos supostos de nais que padezan unha discapacidade igual ou superior ao 65 por cento.
  • Prestación familiar por parto ou adopción múltiples
    Prestación familiar económica de pagamento único que ten por obxecto compensar, en parte, o aumento de gasto que se produce nas familias nos casos de nacemento ou adopción múltiples (dous ou máis fillos). Segundo o número de fillos nacidos ou adoptados (2, 3, 4 e máis), a contía da prestación é, respectivamente, 4, 8 e 12 veces o salario mínimo interprofesional.
  • Prestación para españois de orixe retornados
    Mecanismo de protección consistente nunha pensión asistencial destinada a españois de orixe residentes en países onde a precariedade do sistema de protección social xustifique a existencia da prestación por razón de necesidade, unha vez que retornen a España.
  • Prestación por coidado de menores afectados por cancro ou outra enfermidade grave
    Prestación que se recoñece aos proxenitores, adoptantes ou acolledores de carácter preadoptivo ou permanente, naqueles casos en que ambos traballen, para o coidado do/s menor/es que estean ao seu cargo e se atopen afectados por cancro ou por calquera outra enfermidade grave, que requira ingreso hospitalario de longa duración, durante o tempo de hospitalización e tratamento continuado da enfermidade, acreditado polo informe do Servizo Público de Saúde ou órgano administrativo sanitario da Comunidade Autónoma correspondente.
  • Prestación por razón de necesidade
    Mecanismo de protección que engloba prestacións económicas por ancianidade, por incapacidade, así como asistencia sanitaria, destinado aos españois residentes no exterior que, ao trasladarse ao exterior por razóns laborais, económicas ou calquera outra, e cumpridos 65 anos ou estando incapacitados para o traballo, se atopen nunha situación de necesidade por carecer de recursos suficientes.
  • Prestación temporal de viuvez
    Prestación de contía igual á pensión de viuvez e dous anos de duración, á que terá dereito o cónxuxe supervivente en caso de que o causante falecese por enfermidade común non sobrevenida tras o matrimonio, cando non poida acceder ao dereito á pensión de viuvez por non acreditar que o seu matrimonio con este tivo unha duración dun ano ou, alternativamente, pola inexistencia de fillos comúns.
  • Prestacións devindicadas e non percibidas
    Denomínanse así aquelas prestacións recoñecidas cuxo pagamento non se efectuou ao beneficiario, ben porque este faleceu, ou ben porque non se presentou a facelas efectivas. No primeiro caso, o aboamento faise aos herdeiros por dereito civil, xeralmente mediante un procedemento seguido ante a Dirección Provincial do INSS. No segundo caso o dereito ao percibo caduca ao ano do seu vencemento.
  • Prestacións económicas
    Dereitos de contido diñeirario que corresponden ao beneficiario cando concorren as condicións esixidas para a súa adquisición.
  • Presunción de alta
    (Véxase “Alta de pleno dereito”)
  • Primas de accidentes de traballo e enfermidades profesionais
    Cotas pagadas para cubrir os riscos de accidentes de traballo e enfermidades profesionais. Son diferentes para as distintas actividades, industrias e tarefas. Está fixada unha tarifa de porcentaxes aplicables para determinar as primas.
  • Principio de igualdade de retribución
    En Dereito comunitario, implica, para un mesmo traballo ou para un traballo ao que se atribúe un mesmo valor, a eliminación, no conxunto dos elementos e condicións de retribución, de calquera discriminación por razón de sexo.
  • Procedemento administrativo
    Conxunto de actuacións e trámites regulados pola lei, encamiñados á formulación de actos das Administracións Públicas, sobre materias que son da súa competencia.
  • Proceso laboral
    Conxunto de actuacións e trámites xudiciais ante os Tribunais e Xulgados do Social, dirixidas á resolución dos litixios emprendidos polas partes (traballador, empresario, Organismo da Seguridade Social, |etc.) dende a presentación da demanda ata a execución da sentenza.
  • Profesión habitual
    En caso de accidente, sexa ou non de traballo, entenderase por profesión habitual a desempeñada normalmente polo traballador ao tempo de sufrir o accidente. En caso de enfermidade común ou profesional, entenderase por profesión habitual aquela á que o traballador dedicaba a súa actividade fundamental, durante os 12 meses anteriores á data na que se iniciase a incapacidade temporal da que derive a incapacidade permanente. En caso de traballadores por conta propia, entenderase por profesión habitual a actividade inmediata e anterior desempeñada polo interesado e pola que estaba en alta no Réxime Especial dos traballadores por conta propia ou autónomos ao producirse a incapacidade permanente protexida polo mesmo.
  • Programas Sociais para Traballadores do Mar
    Actividades que desenvolve o Instituto Social da Mariña dirixidas ao benestar dos traballadores do mar e os seus beneficiarios, así como a asistencia destes en portos nacionais e estranxeiros.
  • Prolongación da vida laboral
    Continuidade no exercicio da actividade laboral tras o cumprimento da idade legalmente establecida para acceder á xubilación ordinaria (65 anos), que é obxecto de incentivación a través de medidas tales como o incremento da porcentaxe a aplicar á base reguladora para o cálculo da pensión de xubilación ou a exención de determinados conceptos na cotización.
  • Propostas de alta
    Nos supostos de incapacidade temporal, a entidade xestora ou a mutua, neste último caso, respecto ás situacións de incapacidade temporal derivadas de continxencias comúns, poderán formular propostas motivadas de alta médica, a través dos servizos médicos adscritos a unha ou outra, cando, á vista dos partes médicos de baixa ou de confirmación da baixa, dos informes complementarios e dos recoñecementos médicos practicados a tal fin, consideren que o traballador puidese non estar impedido para o traballo.
  • Protección familiar
    Asignacións ou prestacións das que son beneficiarias as persoas integradas ou non na Seguridade Social, para cubrir situacións de necesidade económica ou de exceso de gastos producidos pola existencia de responsabilidades familiares e o nacemento de fillos en determinados casos. Poden consistir en asignación económica por fillo ou menor acollido a cargo, prestación económica por nacemento ou adopción de fillo, prestación económica por nacemento ou adopción de fillo nos supostos familias numerosas, monoparentais e nos casos de nais discapacitadas, prestación económica por parto ou adopción múltiples e prestación non económica (consideración de períodos de excedencia cotizados) por coidado de fillo ou menor acollido a cargo ou por coidado doutros familiares.
  • Prótese
    Aparato ou dispositivo cirúrxico ou ortopédico que pode ser proporcionado coma prestación sanitaria ou dar lugar á concesión de axudas nos casos e segundo os baremos que regulamentariamente se establezan.
  • Providencia
    Resolución xudicial de cuestión de trámite que non esixe fundamentos xurídicos.
  • Providencia de prema
    Transcorrido o prazo regulamentario de ingreso e unha vez adquiran firmeza en vía administrativa a reclamación de débeda ou o acta de liquidación nos casos en que estas procedan, sen que se satisfacese a débeda, iníciase o procedemento de prema mediante a emisión de providencia de prema, na que se identifica a débeda pendente de pagamento coa recarga correspondente. A providencia de prema, emitida polo órgano competente, constitúe o título executivo suficiente para o inicio do procedemento de prema pola Tesourería Xeral da Seguridade Social e ten a mesma forza executiva que as sentenzas xudiciais para proceder contra os bens e dereitos dos suxeitos obrigados ao pagamento da débeda. Na notificación da providencia de prema advírtese ao suxeito responsable de que se a débeda esixida non se ingresa dentro dos 15 días seguintes á súa recepción ou publicación serán esixibles os intereses de demora devindicados e procederase ao embargo dos seus bens.  

Copyright © Seguridad Social 2013. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal.